Oficina CEER
 01-10-2022
ESPECIALISTAS DA UVIGO COLABORAN NA RECUPERACIÓN DA CONTORNA FLUVIAL DO RÍO TINES AO SEU PASO POR OUTES

Trátase dun traballo coordinado polo CEER e no que participan as tres universidades galegas.

Renaturalizar e recuperar para a cidadanía o tramo fluvial urbano do río Tines ao seu paso polo Concello de Outes, na provincia da Coruña. Este é o obxectivo co que se pon en marcha o proxecto Renatur_Outes, un traballo subvencionado cun millón de euros pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e no que se reúne a participación das tres universidades públicas galegas, o Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia e norte de Portugal, CEER, o Concello de Outes, que lidera o proxecto, e a Fundación Montescola.

Por parte da Universidade de Vigo participa no proxecto o grupo de investigación de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas, ao que pertence o catedrático Luís González, responsable deste traballo na UVigo, quen explica que a iniciativa Renatur_Outes xurde “tras observarse a necesidade de recuperar o bosque de ribeira, actualmente escaso neste tramo, e prolongalo onde fose posible coa carballeira climatófila da zona”, salienta o investigador, quen tamén fai referencia á presenza de infraestruturas construídas de forma pouco harmónica co medio, á existencia de barreiras transversais que impiden o continuo fluvial, de acumulación de residuos urbanos na bacía do río, á confirmación de especies invasoras, “altamente perigosas para a biodiversidade nun espazo de facilidade para súa propagación”, e á existencia de espazos de reducida biodiversidade, produto de actuacións anteriores.

Luís González: “Queremos integrar a participación da cidadanía” Para conseguir todos estes obxectivos o catedrático da UVigo explica que o proxecto contempla a elaboración dunha estratexia de reordenación e integración ambiental, o fomento da biodiversidade asociada ao río e recuperación do bosque de ribeira, a eliminación de especies potencialmente invasoras e exóticas problemáticas para a contorna fluvial e a elaboración dun plan de xestión destas especies, así como tamén a limpeza da bacía do río e a mellora do paseo fluvial e infraestruturas transversais dun xeito máis harmónico e sostíbel co medio. Nesta liña elaboraranse plans de goberno e participación, comunicación e sensibilización, e medición e seguimento de diversos indicadores de recuperación da vida fluvial.

“Queremos integrar a participación directa da cidadanía na recuperación do río, xerando espazos para un maior desfrute da contorna fluvial e para o desenvolvemento de actividades ambientais e divulgativas”, explica González, quen tamén apunta que se trata dun traballo con vocación de futuro, “máis aló da duración do proxecto”, polo que se convidará ás entidades educativas, de ocio e turismo de natureza da contorna a participar nas diferentes fases do proxecto e na cogobernanza e xestión do espazo.

O SUG ponse ao servizo da administración pública local Da estratexia de reordenación e integración ambiental encargaranse o propio Concello de Outes e o Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Universidade da Coruña, mentres que as actividades de fomento da biodiversidade asociadas ao río (xestión adaptativa de barreiras transversais, creación de illas de biodiversidade, asentamentos de coleópteros, propagación de fentos termófilos, xestión de especies invasoras...) correrán a cargo das universidades de Vigo (grupo de investigación de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas) e Santiago de Compostela (grupo de investigación de Análises e Conservación da Biodiversidade).

A Fundación Montescola será a encargada de coordinar as accións de recuperación do bosque de ribeira, eliminación de especies exóticas e invasoras, como Acacia spp ou Tradescantia fluminensis, limpezas do río, así como unha importante batería de accións de formación e divulgación á poboación da contorna, eidos nos que traballará man a man coa Fundación CEER e o Concello de Outes. Dentro destas actividades de voluntariado ambiental e de participación pública da cidadanía de Outes está previsto programar diferentes iniciativas de ciencia cidadá, coñecemento do medio, rutas medioambientais e talleres con escolas, entre outras.

Fonte: https://www.uvigo.gal/