Oficina CEER
 20-10-2006
O REITOR DA USC ASUMIU A PRESIDENCIA DA FUNDACIÓN CEER NUN ACTO CELEBRADO EN COMPOSTELA. O ENCONTRO COINCIDIU COA INAUGURACIÓN DO CURSO DE FORMACIÓN INTEGRACIÓN E DESENVOLVEMENTO EURORREXIONAL
O traspaso de poderes da presidencia da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal (CEER) do alcalde de Santiago, como presidente do Eixo Atlántico, ao reitor da USC, Senén Barro, celebrouse este venres nun acto que tivo lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago. A xuntanza, que coincidiu coa inauguración do curso de formación en Integración e Desenvolvemento Eurorrexional, contou coa presenza do reitor Senén Barro; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o director da Fundación CEER, Carlos Ferrás; o secretario xeral desta, Miguel Sopas Bandeira; e o director do curso CEER na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Francisco Diniz. No acto, Senén Barro destacou a importancia dos proxectos iniciados polo alcalde de Santiago e comprometeuse a seguir coa súa andadura. O reitor resaltou algúns proxectos da Fundación CEER destinados a fomentar o entendemento interuniversitario tales como a creación dun centro de documentación, unha rede de museos, unha revista científica ou a posta en marcha dun museo virtual interuniversitario. Pola súa banda, Sánchez Bugallo repasou os traballos realizados pola Fundación durante os dous anos do seu mandato, subliñando o desenvolvemento de programas europeos que fomentan as interrelacións entre a cidadanía portuguesa e galega. Para o alcalde de Santiago, o CEER ten como obxectivo conseguir que a eurorrexión Galicia Norte de Portugal, a primeira rexión transfronteiriza da UE, se consolide como tal. Curso Integración e Desenvolvemento Eurorrexional O curso, organizado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) e seis universidades públicas, inaugurouse esta mañá durante o acto de traspaso de poderes. Na sesión de apertura, o profesor Francisco Diniz explicou que a súa finalidade de incrementar as relacións universitarias entre dúas áreas xeográficas que comparten unha lingua e cultura semellante. O director da Fundación CEER, Carlos Ferrás, fixo fincapé en que o curso, amplíe a colaboración entre as Universidades desta Eurorrexión e forme a estudantes e profesionais que desexen orientarse cara a unha especialización en relación coa eurorrexión nun contexto internacional, xa sexa no seno de empresas e asesorías, administracións públicas, representacións diplomáticas, organizacións internacionais gubernamentais o non-gubernamentais, organismos culturais ou de cooperación, universidades, centros de investigación científica e grandes medios de comunicación.A sesións académicas, enmarcadas no proxecto Campus Universitario en Rede Galicia Norte de Portugal, permitirán unha actualización de coñecementos no eido da realidade xurídica, social, económica e empresarial da eurorrexión dentro da Unión Europea. Con este curso trátase de impulsar a formación de excelencia de técnicos universitarios especializados na formulación e xestión de proxectos europeos na zona de Galicia e do norte de Portugal. As clases, financiadas pola Unión Europea, agrúpanse en seis módulos, cada un impartido nas Universidades de Santiago, Vigo, Porto, Coruña, Minho e Tras-os-Montes e Alto Douro. O bloque que lle corresponde a USC, Desenvolvemento sostible Eurrexional, coordínao o Idega e presenta un marcado carácter multidisciplinar e interuniversitario, no que participan profesores de nove áreas de coñecemento. Con todas as prazas cubertas, o curso conta con 120 alumnos, vinte de cada Universidade, e un claustro docente de outros tantos profesores. Ao finalizar, os participantes disporán das ferramentas necesarias para a diagnose e valoración das oportunidades de negocio neste mercado e dos coñecementos imprescindibles para establecer relacións comerciais e de inversión na rexión europea. Tras a sesión de apertura do curso, o profesor da USC, Alberto Meixide Vecino, pronunciou unha conferencia titulada Galicia e a Rexión Norte de Portugal: un Espazo Económico Europeo.
Archivos asociados a esta noticia: