Oficina CEER
 16-09-2008
As universidades de Santiago e A Coruña colaboran co Cesga e Hewlett-Packard no deseño de novas solucións no campo da supercomputación

As universidade de Santiago e A Coruña, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e Hewlett-Packard Española (HP) presentaron este luns en Santiago o acordo que van desenvolver conxuntamente co obxectivo principal de investigar no deseño de novas solucións de vangarda tecnolóxica no campo da supercomputación.

O acordo contempla o desenvolvemento de dous proxectos de investigación realizados por investigadores universitarios conxuntamente cos Laboratorios de HP coordinados polo CESGA. Entre ambos os dous proxectos estarán involucrados un total de 34 investigadores. O primeiro deles, HC-PROJECT, persegue incrementar a velocidade á que os ordenadores acceden á memoria, optimizando a eficiencia e eliminando atoamentos. O segundo proxecto, UPC-PROJECT, busca facilitar a programación e reducir a complexidade do uso dos superordenadores a investigadores de calquera rama da ciencia.

No acto de presentación do acto participaron o presidente do CESGA, Salustiano Mato; o presidente e conselleiro delegado de HP Española, Santiago Cortés; o director do CESGA, Javier García Tobío; o reitor da UDC, José Mª Barja; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; e os investigadores principais dos proxectos, Francisco Fernández Rivera e Ramón Doallo Biempica, dos grupos de Arquitectura de Computadores das universidades de Santiago e A Coruña, respectivamente.

Durante a presentación do contrato, Salustiano Mato destacou "o papel fundamental que o CESGA vén desempeñando dende hai máis dunha década como catalizador da internacionalización e transferencia de resultados de I+D de grupos de investigación galegos". Pola súa banda, Santiago Cortés declarou que "HP ten un alto grao de compromiso coa investigación e a comunidade investigadora española, e iso reflíctese en iniciativas como o acordo estratéxico que hoxe presentamos". Cortés tamén resaltou "a necesidade de potenciar os centros de supercomputación españois como núcleos de atracción para as empresas e, polo tanto, como eixes da investigación tanto pública como privada”.

Na súa quenda, Lourenzo Fernández manifestou a aposta da USC a prol da economía do coñecemento, polo que a posibilidade de establecer acordos como o hoxe presentado “é fundamental para Galicia”, porque “non hai país nin futuro sen universidades nin instalacións estratéxicas como o CESGA".

Este contrato enmárcase nas actividades que desenvolve o Centro de Competencias en Supercomputación, creado por HP e CESGA en colaboración con Intel, que ademais leva consigo actividades de difusión, optimización de recursos de cálculo e transferencia de coñecemento en formación interna e proxectos de investigación.