Oficina CEER
 28-11-2008
As universidades de Galicia e norte de Portugal crean unha plataforma virtual para fomentar a lectura en galego e portugués

A Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), en colaboración coa Consellería de Cultura, presentou onte oficialmente un Club de Lectura Virtual que fomentará o consumo de literatura en galego e portugués entre a comunidade universitaria e estudantil e a sociedade en xeral desta Eurorrexión. Seguir leyendo el arículo Segundo explicou hoxe o reitor da Universidade de Santiago e presidente da CEER, Senén Barro, a iniciativa materializarase nunha plataforma electrónica vía internet que sirva como punto de encontro da comunidade estudantil da Eurorrexión e como ferramenta de fomento da lectura a través de diversas actividades.

Así, segundo explicou Barro, esta iniciativa nace de do traballo realizado pola CEER por "atopar novas liñas de actuación" para "poñer en valor" a cultura de Galicia e do norte de Portugal e divulgala a nivel rexional, nacional e internacional.

En concreto, a Fundación CEER "detectou a necesidade de crear un lugar de encontro" dos membros da seis universidades situadas a ambos os dous lados da fronteira coas que colabora nunha "temática común como é a literatura".

ROMPER AS BARREIRAS
Senén Barro apostou durante a súa intervención por empregar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para realizar este tipo de iniciativas xa que, asegurou, "permiten romper as barreiras espazo temporais" entre Galicia e o norte de Portugal.

Así mesmo, subliñou que os mozos "sacarán o máximo partido" a estas ferramentas interactivas xa que "non conciben un mundo sen elas" e son "fenómenos mediáticos" presentes no seu día a día.

O reitor da universidade compostelana apostou ademais porque este club virtual de lectura sirva para "compartir literaturas entre as dúas rexións, pero tamén sentimentos". "A literatura galega e portuguesa non é un tesouro do pasado, se non algo vivo que se amplía constantemente e que temos o privilexio e deber de coñecela", aseverou.

Finalmente, Senén Barro instou a poboación tanto de Galicia coma do norte de Portugal a "esforzarse" para levar a cabo "iniciativas de cohesión" que permitan "compartir proxectos comúns" xa que, advertiu, "ser só veciños xeográficos non é suficiente".