Oficina CEER
 05-01-2009
Elvira Pacheco Vieira gaña o Premio de Investigación Eurorrexión 2008

A Cátedra da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal fai público o fallo do Premio de Investigación Eurorrexión 2008 que obtivo Elvira Pacheco Vieira, doutora en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora da Universidade do Minho, co traballo titulado “Capital Humano como factor de convergência: análise econométrica da Eurorregião Galiza-Norte de Portugal”.

O obxectivo do certame é contribuír a fomentar a investigación sobre a problemática e as potencialidades eurorrexionais. Así mesmo, preténdese recoñecer e incentivar o labor que realizan os investigadores e dar difusión aos seus traballos, buscando unha meirande comunicación entre a comunidade investigadora e o tecido socioeconómico, así como coñecer os problemas eurorrexionais en todas as dimensións co fin de incrementar o interese social e fomentar a identidade eurorrexional.

O premio ten unha dotación de 6.000 euros e inclúe a publicación do traballo gañador. A esta primeira edición presentáronse doce traballos de diferentes universidades galegas e do Norte de Portugal.

A investigación gañadora realiza, en primeiro lugar, unha análise comparativa entre ambas rexións, Galicia e Norte de Portugal, a nivel das principais variables macroeconómicas, identificando as principais similitudes e asimetrías rexionais. A continuación, estuda o efecto do capital humano –medido en termos de nivel educativo da poboación activa empregada– sobre o proceso de crecemento económico de cada rexión, tanto no sector secundario (industria e construción), como no sector servizos, co obxectivo de determinar ata que punto as rexións consideradas teñen diminuído as súas diferenzas nos respectivos estados de desenvolvemento, converxendo cara a un mesmo estado de equilibrio a medio e longo prazo, ou se polo contrario, as asimetrías rexionais se acentuaron dende 1995.

O xurado, ademais de valorar o rigor da investigación, destacou a contribución do traballo gañador ao mellor coñecemento do proceso evolutivo da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e á análise do papel que desempeña o capital humano na posibilidade de converxencia en niveis de riqueza rexionais.

O xurado presidido por D. Alberto Gago Rodríguez, Reitor da Universidade de Vigo, e D. Julio Fernández Gayoso, Presidente de Caixanova, estivo formado por D. Fernando González Laxe, ex Presidente da Xunta de Galicia e Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de A Coruña, D. Nuno Almeida, Director da Unidade de Cooperación Estratéxica da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCRN), Dna. Pilar Blanco Tuimil, ex presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia e coordinadora do Comité de Internacionalización da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, D. Luís Ramos, profesor de planeamento territorial da Universidade de Trás os Montes Alto Douro e D. Xavier Martínez Cobas, profesor de economía financeira da Universidade de Vigo.

Esta primeira edición do Premio de Investigación Eurorrexión enmárcase no conxunto de actuacións que a Cátedra da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal desenvolveu ao longo deste ano 2008, entre as que cabe salientar o máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial, organizado en co-tutela coa Universidade do Minho, e a creación do Centro de Documentación da Eurorrexión, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.

En canto ao Premio Ensino Secundario Eurorrexión 2008, o xurado do mesmo decidiu declaralo deserto nesta convocatoria.