primeira xornada do programa ‘Lugoemprende na Universidade’ que organiza conxuntamente co Concello, a través da Área de Autoemprego. Á sesión asistiron a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro, e a concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, que estiveron acompañadas polos decanos das facultades de Administración e Dirección de Empresas, Luis Gago; Humanidades, Alexandre Veiga; Ciencias, Francisco Fraga; e Veterinaria, Ana María Bravo. Presenciaron ademais o acto os directores da Escola Politécnica Superior; Javier Bueno, e das Escolas de Enfermaría, José Luis Díaz; Maxisterio, Aníbal Rodríguez; e Relacións Laborais, Mercedes Montes.
O obxectivo deste acto foi presentar as actividades que levará a cabo o Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo en colaboración coa USC para incentivar nos estudantes do campus lugués o emprendemento como saída profesional. A xornada comezou co relatorio ‘Uniemprende: Programa para a Creación de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela’ a cargo de José Luis Villaverde Acuña, director asociado do CITT da USC, e rematou cunha visita guiada polo Centro de Empresas e Innovación (CEI). Ademais, presentouse ante os asistentes unha iniciativa para a promoción económica da cidade e un apoio á posta en marcha de novas iniciativas empresariais.
Ao longo do 2009, o programa incluirá a celebración de xornadas de difusión da cultura emprendedora, nas que se tratará de maneira práctica a xeración e maduración de ideas empresariais, a elaboración do plan de empresa e a posta en marcha dunha iniciativa empresarial. Así, o segundo encontro estará dirixido aos profesores de diferente titulacións do Campus de Lugo. Máis adiante, terán lugar numerosos seminarios e obradoiros enfocados a fomentar a cultura emprendedora entre a comunidade universitaria.
Nas accións que se levarán a cabo dentro deste programa presentaranse todas as posibilidades de apoio que ofrece a iniciativa Uniemprende da USC, que busca incrementar a vocación empresarial entre os membros da comunidade universitaria, prestando especial atención aos procesos de investigación científico-tecnolóxica. Esta experiencia, que terá lugar durante o presente curso escolar, nace con vocación de futuro e será a primeira dunha serie de colaboracións en favor do emprendemento entre a Universidade de Santiago e o Concello.