Oficina CEER
 20-01-2009
O Goberno galego presenta unha nova ferramenta en SwL para evitar a linguaxe sexista

A Vicepresidencia do Goberno da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, e a Consellaría de Innovación e Industria, da man da Dirección Xeral de Promoción Industrial da Sociedade da Información, presentaron hoxe un novo aplicativo informático de software libre que ten como finalidade lograr o uso dunha linguaxe non sexista. A ferramenta, denominada Exeria, funciona como extensión do paquete ofimático libre OpenOffice.org e está baseado en Freeling 2.1.

A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, deu a coñecer en Santiago a nova ferramenta que facilita a revisión lingüística de textos, e ofrece opcións léxicas ante o que puideran ser termos que Exeria detecta como susceptíbeis dun uso sexista. Con isto, o aplicativo facilita a construción dun discurso máis inclusivo, e visibiliza o traballo de homes e de mulleres en todos os textos administrativos.

A idea inicial xurdiu coa intención de crear un glosario de linguaxe non sexista para facilitar a mellora no uso de expresións non discriminatorias. O proxecto, non obstante, foi evolucionando e, a raíz da colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria, optouse por crear unha ferramenta máis interactiva que puidese ser empregada facilmente por todo o funcionariado.

Segundo explicou a directora xeral, “dende o noso Goberno estamos a apostar pola democratización do coñecemento e dende este Departamento imos facer un esforzo para que este aplicativo se coñeza e se utilice, porque é unha obriga da Administración a utilización de linguaxe non sexista”.

O produto Exeria enmárcase dentro dos obxectivos do V Plan do Goberno galego para a igualdade entre mulleres e homes 2007-2010. Pero tamén nos do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), dado o seu carácter innovador. Este feito constata a cooperación entre os distintos departamentos da Xunta e conxuga, neste caso, as estratexias no relativo á igualdade e á sociedade da información, segundo os enfoques transversais de ambas estratexias.

Ferramentas innovadoras contra a linguaxe sexista
O aplicativo para a edición de textos Exeria tivo como punto de partida a compilación dun corpus amplo da lingua procedente de textos administrativos. En total analizáronse preto de 130 mil palabras que deitaron aproximadamente uns mil termos susceptíbeis dun uso incorrecto.

Baseándose nisto, o grupo de persoas desenvolvedoras comenta que o Exeria realiza a corrección mediante a identificación dos termos mencionados e a súa etiquetaxe dentro de determinadas categorías morfolóxicas para permitir, segundo afirman, a corrección dos vocábulos acompañantes. O software utilizado para isto é o Freeling 2.1.

Asemade, o aplicativo para a edición de textos compleméntase cun buscador de equivalencias e solucións na rede. Todas estas ferramentas, xunto co código fonte, están dispoñíbeis no enderezo electrónico http://www.exeria.net.

A ferramenta foi desenvolvida conxuntamente pola cooperativa Tagenata e a consultora Imaxin|software.

Correctores galegos en OpenOffice.org
Dende que en xuño de 2006, Mancomún coordinou a tradución do OpenOffice.org ao galego, a comunidade de usuarias e usuarios galegos puideron beneficiarse dunha prolífica actividade de desenvolvemento de utilidades en volta ao ámbito lingüístico.

Así, no lanzamento do paquete ofimático localizado ao galego presentouse tamén o corrector ortográfico. Esta ferramenta, que se sostén desde entón por Mancomún, axústase ao estándar lingüístico de corrección e ten capacidade para revisión de sufixos e terminacións, de formación do plural, de acentuación, da segunda forma do artigo, de conxugacións, etc.

Posteriormente, en xuño de 2007 o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, xunto coa directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentaban o corrector gramatical para o galego Golfiño. Deste xeito, o galego convertíase na primeira lingua do Estado que contaba cunha ferramenta destas características. O Golfiño completaba as aplicacións lingüísticas do paquete ofimático OpenOffice.org e permitíalle ao seu procesador de textos detectar erros de sintaxe, estilo e concordancia, entre outras funcionalidades.

Co novo corrector de linguaxe de xénero, os usuarios e usuarias do OpenOffice.org en galego dispoñen dun dos maiores repertorios de ferramentas abertas de corrección lingüística no mundo.