Oficina CEER
 23-01-2009
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra terá como país convidado a Portugal

O vindeiro 1 de febreiro volverá ás salas do Pazo da Cultura o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que este ano estará adicado ao amor. A concelleira de Cultura, Lola Dopico, xunto ao director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta, Luís Bará, e a directora do Salón, Helena Torres presentaron esta mañá a décima edición deste encontro que rematará o 15 de marzo.

Para a conmemoración desta efeméride especial dedicada ao amor e na que se amplía o calendario de actividades, o Salón vai render homenaxe á escritora pontevedresa Fina Casalderrey, pola súa traxectoria profesional e humana adicada con afán á promoción da lectura entre os máis pequenos.

Un ano máis, a colaboración do profesorado e dos alumnos dos centros de ensino de infantil, primaria e secundaria da bisbarra pontevedresa volve ser decisiva para a existencia mesma do Salón. Como é habitual, Teatro Quartoescuro, alumnos da Facultade de Belas Artes e a Escola de Tempo Libre Paspallás redefinirán a ambientación xeral da sala de exposicións con elementos referidos ao amor na tradición literaria, ao igual que farán os alumnos da Escola de Canteiros na súa exposición "Ponte Amor". A autora do cartel que anuncia esta X edición é a ilustradora Ana Santiso (Touro, 1981), gañadora de certames como o Novos Valores da Deputación de Pontevedra, Arte no Morrazo ou o Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña.

Embaixadora do Salón do Libro e colaboradora solícita do evento, ao facer dez anos en Pontevedra, este foro quere devolverlle unha mínima parte do entregado no decurso de todo este tempo a "Fina Casalderrey" autora de case unha cincuentena de libros dirixidos específicamente ao público infantil e xuvenil e merecedora de galardóns tan importantes como o Premio Merlín (1991), Premio O Barco de Vapor (1994), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1996), Premio de Xornalismo Puro Cora (2001), Premio de Xornalismo Fernández del Riego (2003) e Premio "Autora do ano" pola Federación de Libreiros de Galicia (2007). A exposición "Filla das Ondas", que se poderá visitar no Pazo da Cultura, repasará a súa personalidade literaria. A homenaxe cristalizará o sábado 7 de febreiro, cando o escritor Antonio García Teijeiro faga unha semblanza biográfica de Casalderrey.

Outros hóspedes de honra serán os nosos veciños portugueses xa que "Portugal" constitúe o país convidado nesta edición. Portugal estará presente en Pontevedra a través de conferenciantes como o escritor Joao Pedro Messeder (Porto, 1957), entre outros, exposicións como "Ilustrações.pt" organizada en colaboración coa Direcção Geral do Livro e das Bibliotecas e visitas de colectivos profesionais vencellados ao mundo do libro, a cultura e o ensino.