Oficina CEER
 01-12-2006
A FUNDACIÓN CENTRO DE ESTUDIOS EURORREXIONAIS GALICIA-NORTE DE PORTUGAL SACA Á LUZ EN DECEMBRO A SÚA REVISTA CIENTÍFICA “ESTUDIOS EURORREXIONAIS”

A Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) sacará á luz no mes de decembro a súa revista científica Estudios Eurorrexionais, cunha tirada inicial de 1.500 exemplares. O seu carácter estritamente científico, dará acubillo a artigos especializados de interese xeral, facendo fincapé na divulgación dos coñecementos xerados no contorno das seis universidades da eurorrexión. Cada número da revista incluirá tres grandes liñas temáticas e incluirá un artigo provinte de cada unha das unha das universidades do CEER.

O proxecto realízase en colaboración coas seis universidades publicas da eurorrexión e académicos e profesionais de recoñecido prestixio convidados por estes centros. A dirección da revista corre a cargo do profesor Pedro Melo, da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, e a secretaría é responsabilidade do profesor Félix Blázquez, da Universidade da Coruña.

Estudios Eurorrexionais poderase tamén consultar en versión dixital a través da páxina web do CEER, que incorpora un sistema de referí cunha ferramenta áxil e dinámica para o envío, recepción e revisión dos artigos recibidos polos consellos editorial e científico da revista para a súa posterior publicación.