oficina CEER
 04-03-2009
Proxecto para facilitar a persoas maiores e discapacitadas o acceso ás novas tecnoloxías da información

A Universidade da Coruña, Cruz Vermella e Aspace (Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral) colaboran nun proxecto para facilitar a persoas maiores e discapacitadas o acceso ás novas tecnoloxías da información. O obxectivo desta iniciativa é potenciar e estimular a súa autonomía persoal, a súa calidade de vida e contribuír a favorecer a igualdade de oportunidades co resto da sociedade, segundo manifestaron esta mañá na Reitoría o reitor, José María Barja, o presidente provincial da Cruz Vermella, José Manuel García, e o director-xerente de Aspace (Asociación de Padres de Persoas con Parálisis Cerebral), Eulogio López, na firma do convenio que permitirá desenvolver este proxecto co apoio da Obra Social da Fundación La Caixa, que estaba representada esta mañá por Susan Santos Morales.

Desde o equipo de investigación da UDC liderado por Alejandro Pazos creouse un programa que simplifica a interface do ordenador creando teclados virtuais. Desta forma, un usuario pode utilizar un ordenador convencional baseado en Windows (portátil, TabletPC ou de sobremesa) dunha forma moito máis sinxela e intuitiva.

A través deste software e cun perfil de usuario individual, accédese a un menú máis sinxelo de manexar, e pódese dispoñer de todas as opcións que son de interese xeral: escribir, calcular, escoitar música, enviar un correo electrónico, facer pasatempos, etc., ademais de poñerse en contacto con familiares que vivan lonxe.

Neste desenvolvemento, o seu deseño e a súa posterior implantación participaron tamén Aspace e Cruz Vermella, entidade que puxo en marcha un programa-piloto con catro maiores do seu Centro de Día da Coruña. O obxectivo agora é lograr a adhesión de máis usuarios e dinamizar en Galicia o uso das tecnoloxías da información e da comunicación en máis centros de persoas con discapacidade e xente maior.