Oficina CEER
 13-03-2009
Científicos da UVigo estudan na Antártida as consecuencias do cambio climático

O profesor de Ciencias do Mar, Mariano Lastra, volveu pisar este curso o continente xeado, mudando así a facultade viguesa polo “laboratorio natural ideal”, como a el lle gusta referirse á Antártida. Nesta ocasión o seu destino foi a base Gabriel de Castilla, en illa Decepción, un arquipélago situado ao noroeste da península antártica.

Ao longo do mes que durou a estancia alí o equipo de traballo dirixido por Lastra recolleu datos para poder facer un estudo comparativo en termos de biodiversidade entre a illa de Decepción, de orixe volcánica, e Rey Jorge, situada na parte sur e onde o 90% da superficie é xeo. “Nós o que facemos é estudar o efecto dese quentamento hidrotermal sobre a fauna mariña e comparámolo coas illas frías, as habituais desta zona, no seu día con Livingston e neste proxecto con Rey Jorge, xa que a base Juan Carlos I de Livingston está sendo remodelada”, explica Lastra. A investigación está incluída dentro dos proxectos de cambio climático e as conclusións ás que cheguen serán básicas para empezar a determinar que acontecería si se producise un quentamento da auga nesa zona da Antártida.

Decepción fronte a Rey Jorge
Parten da premisa de que en Decepción o efecto hidrotermal provoca maiores temperaturas na auga e si na península antártica tivera lugar un quentamento similar produciríase un proceso semellante ao que se observa na illa. Analizar as estratexias reprodutivas das especies, observar si se reduce ou aumenta a biodiversidade, se chegan especies invasoras ou non, son algúns exemplos das diferentes variables que van estudar. “Trátase de comprobar se o contexto ecolóxico ante un cambio, aínda que sexa lixeiro, da temperatura da auga do mar experimentaría cambios significativos”, explica o profesor vigués.

O proxecto encádrase na continuación doutro iniciado no 2004 no que o que fixeron foi comparar dúas illas en termos de biodiversidade de praias antárticas. Este ano continuaron recollendo datos para poder comparar no tempo e, ademais, instalaron uns sensores de temperatura no substrato “rexistradores en continuo que fan unha medida cada certo tempo de forma automática e que recuperaremos o vindeiro ano para analizar todo o proceso”. Das temperaturas que puideron procesar ata o de agora corroboran que efectivamente existe unha diferenza de entre 0,5 e 0,8 grados entre Decepción e Rey Jorge, unha cifra que en termos ecolóxicos pode ter diferentes consecuencias. “Neste caso falamos dun efecto hidrotermal, pero si isto se produce debido ao cambio climático as consecuencias poderían ser similares e iso é o que tratamos de analizar”, apunta Lastra.

O traballo que realizaron ata agora centrouse en organizar o material recollido e separar o sedimento da fauna. Con esta información, xunto cos datos recollidos de temperatura, comezan xa a avanzar no proxecto . A previsión é ter os primeiros resultados dentro de seis meses. Mariano Lastra estivo acompañado na expedición por outros cinco profesores, Charo de la Hoz, Iván Franco Rodil e Manuel García Gallego, que traballaron con el na base de Decepción, e dous profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Adoración Sánchez e José Mora que se instalaron na base chilena Julio García Escudero na illa Rey Jorge.

Ademais de traballar na súa investigación este equipo de profesores aproveitou tamén a súa estancia alí para recoller mostras para un investigador do Museo Natural de Bruxelas que así llo solicitara antes de partir.

Toda unha experiencia vital
Lastra visitou por primeira vez a Antártida no 2004 nunha expedición que durou dous meses. Ao pouco tempo volveu para unha estancia doutros dous meses e no 2006 desprazouse ata o estreito de Magallanes. Nesta ocasión a viaxe durou un mes e, a finais deste ano ou comezos do 2010, volverá á Antártida na que será a segunda fase da investigación.

O investigador destaca o extraordinario dunha experiencia na que non hai nada negativo e si moitas cousas interesantes, tanto desde un punto de vista científico como persoal. “As paisaxes son incribles e a sensación de estar nunha zona tan afastada é moi especial”, lembra o investigador ao tempo que destaca a colaboración e o ambiente que se vive nas bases “algo moi gratificante, todo o mundo está pendente de axudar e colaborar”, sinala lembrando que este ano coincidiron alí quince científicos e quince militares.

No outro lado da balanza, “hai momentos nos que te esgotas ou incluso nos que pasas un pouco de medo, por exemplo, os desprazamentos facémolos todos en Zódiac e, isto, en función da climatoloxía, poden ser un pouco delicados”, sinala ao tempo que lle resta importancia a este tipo de acontecemento “pois alí todo está moi planificado e controlado”.

Doutra banda, a viaxe ata alí tampouco é doada. Saíron de Vigo o 13 de xaneiro con destino Madrid onde colleron un voo que os levou á cidade arxentina de Ushuaia. Alí continuaron viaxe, nesta ocasión nun barco co que lles levou tres días cruzar o estreito de Drake. Despois fixeron unha parada na illa Rey Jorge, onde quedaron tres membros do grupo; logo na base Juan Carlos I na illa Livingston e, de aí, á base Gabriel de Castilla en illa Decepción, a onde chegaron na madrugada do día 19.

Unha vez alí o rango ordinario de temperaturas oscilou entre -2 e 2, se ben, “o principal problema é o vento que provoca unha sensación térmica de entre -10, -15 e ata -20 grados”.

Outras curiosidade da vida alí e que sempre hai que ir acompañado ou que, como os desprazamentos son en Zódiac acábaste habituando a levar posto o traxe de supervivencia.

Unha anécdota da campaña
Unha noite que había moi mal tempo, con ventos sostidos de 120 Km/h e picos de ata 140, os militares e científicos que estaban na base Gabriel de Castilla viviron unha particular situación coa que non contaban pero que, afortunadamente, tivo un final feliz.

“Estabamos todos na base e, de súpeto, comezamos a escoitar a voz duns desesperados que se ían a pique”, lembra Lastra. Afortunadamente, había na zona un remolcador arxentino que lle puido botar unha man, xa que eles quedaran sen o goberno electrónico do barco e sen as velas. “Sen a axuda do remolcador arxentino terían ido contra as pedras e as consecuencias puideron ser dramáticas”, salienta Lastra.

O naufrago era o aventureiro Jesús Calleja e o seu equipo que estaban a gravar unha reportaxe para emitir na Canle Cuatro no programa “Desafío Extremo”. Ao día seguinte entre o persoal da base arxentina e española axudáronlles a facerse cun novo equipo que lles permitise continuar coa expedición. “Déronnos as grazas a todos e participaron connosco nunha paella que nos organizan na base cando partimos os científicos”, apuntou Lastra.