Xunta de Galicia
 05-12-2006
Educación destina preto de dous millóns de euros para optimizar as capacidades de investigación das universidades galegas

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e os reitores das Universidades de A Coruña, José Mª Barja; de Santiago de Compostela, Senén Barro; e de Vigo, Alberto Gago; asinaron esta mañá un convenio para o desenvolvemento das infraestruturas científico-tecnolóxicas e servizos xerais de apoio á investigación. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, A máxima responsable da Administración educativa autonómica destacou que este acordo enmárcase nun dos obxectivos centrais da acción política do departamento que ela dirixe, que se concreta no “apoio decidido ás tres universidades galegas para o desenvolvemento do seu necesario papel de liderazgo na Sociedade do Coñecemento”. Nesta liña, Laura Sánchez Piñón salientou que desde a Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica “vimos desenvolvendo unha serie de accións, entre as que destacan os Programas de Consolidación ou de Intensificación” xa implantados ao longo deste ano, “aos que hai que sumar este convenio, que pretende desenvolver os servizos xerais de apoio á investigación e as infraestruturas”.

Así, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria indicou que o obxectivo deste acordo é “establecer un marco de cooperación entre a Consellería de Educación e o SUG para ter un mellor desenvolvemento” das infraestruturas e servizos de apoio a investigación e “poder competir nas mellores condicións”. Deste xeito, e segundo salientou Sánchez Piñón, avaliaranse o conxunto dos servizos actuais co obxectivo de establecer un mapa de servizos consorciados no SUG; establecerase conxuntamente un cadro de necesidades en canto a novas infraestruturas e equipamentos para definir, priorizar e optimizar de forma consensuada as futuras inversións e a súa sostenibilidade; e definirase o cadro de indicadores que permitirá avaliar o funcionamento destes servizos e o seu impacto, tanto entre os investigadores do SUG como no tecido empresarial ou a propia administración. Neste senso, Sánchez Piñón indicou que “varios destes servizos traballan habitualmente para equipos de investigación de fóra de Galicia e para clientes empresariais”.

Deste xeito, a máxima responsable da Administración educativa galega apuntou como obxectivo último deste convenio “consolidar no SUG un Mapa de Infraestruturas Científicas e Tecnolóxicas que, ademais de sostible e competitivo, sexa un referente a nivel do estado alí onde nos especialicemos”. Neste senso, Sánchez Piñón salientou que con este acordo “pretendemos mellorar as posibilidades científico-tecnolóxicas, darlles unha proxección de futuro e facelo coxuntamente, evitando as duplicidades e alcanzando o grao máximo de especialización”.

En virtude deste acordo, as universidades do SUG asumen a obriga de desenvolver estas accións. Pola súa banda, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, comprométese a cofinanciar as accións piloto, mentres que as universidades asumen o custo do mapa. Así, a Administración educativa galega investirá 1.950.000 euros, achegando 650.000 euros a cada universidade. Estes importes irán destinados a cubrir gastos de persoal, adquisición de novo equipamento e gastos de mantemento dos Sevizos de Apoio á Investigación.

Investigación e transferencia de coñecemento Pola súa banda, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela incidiu na necesidade da “complementariedade”. Así, Senén Barro indicou que “temos que ser competitivos de portas afora do noso país, pero dentro temos que ser capaces de artellar mecanismos de complementación para que poidamos cooperar”. Ademais, o reitor da Universidade de Vigo indicou que “se conseguimos racionalizar as infraestruturas e non multiplicalas, como pretende este convenio, podemos ter uns servizos de investigación moi importantes”. Por último, o reitor da Universidade de A Coruña, José Mª Barja, salientou que con este convenio avanzarase de cara a “visualizar e facer público o equipamento e as capacidades que temos”.

O convenio asinado hoxe está enmarcado na política da Administración educativa autonómica de cara a promocionar e desenvolver unha xestión eficiente e integrada dos recursos e capacidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para a súa vertebración e posta en valor no marco do Sistema de Innovación. Esta xestión concrétase na promoción, deseño e materialización dos instrumentos necesarios para mellorar o financiamento estrutural da actividade investigadora do SUG, así como da calidade dos seus medios e resultados. Deste xeito, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establece como unha prioridade a planificación, desenvolvemento integrado e consolidación das infraestruturas científico-tecnolóxicas e os Servizos Xerais de Apoio á Investigación do SUG para optimizar e rendibilizar as súas capacidades en investigación e transferencia de coñecemento.