Oficina CEER
 16-03-2009
O programa Delecer chega a Pontevedra cunha iniciación ao deporte de orientación

Un compás, un mapa e todo o campus e maila Illa das Esculturas por diante. Ese é o plan que o Servizo de Deportes propón, a través do programa Delecer, para o vindeiro día 18 a todos os membros da comunidade universitaria. A actividade, que é gratis e se presenta como unha iniciación a este deporte, pecha o seu prazo de inscrición o luns 16.

O percorrido realizarase sobre un terreo chá e os participantes terán que pasar, na orde axeitada, por diferente puntos de control sinalados no mapa. Segundo explica o coordinador desta modalidade na Universidade, José Luís Armada, “serán uns dous quilómetros e un itinerario sinxelo para achegar este deporte a estudantes, profesores e PAS”. Antes de iniciar a marcha, os participantes, aos que a organización recomienda levar ropa cómoda e calzado deportivo, recibirán unha breve charla para informalos das regras a seguir. Ademais recibirán un compás de agasallo.

Afeitos ao asfalto, os coches e os semáforos, o deporte de orientación destaca, segundo Armada, “porque permite retomar o contacto coa natureza e, como se pode tomar como algo lúdico e non unha mera competición, pode realizarse tamén en familia”. Ademais, o obxectivo de cubrir o percorrido pode plantexarse “como un reto cun mesmo para aprender a desenvolvernos, reubicarnos no terreo e aprender a interpretar un plano”.

Extensión do programa Delecer ao campus
Logo de nove edicións, o programa Delecer, que pretende ofrecer propostas de ocio ao aire libre, chega ao campus e faino cunha modalidade nova, xa que é a primeira vez que a orientación se integra na programación desta iniciativa do Servizo de Deportes da Universidade. Neste caso, a Universidade contou coa colaboración do club Lupalú para a organización da cita.

Unha modalidade en auxe
O deporte de orientación é orixinario de Escandinavia, onde se practicaba como exercicio militar a finais do século XIX. En 2002 constituíuse a Federación Española de Orientación pero foi a principios dos noventa cando, en Galicia, se celebraron as primeiras probas. Actualmente, en Galicia existen 17 clubes desta modalidade deportiva que moven unhas 1200 licenzas ao ano.