USC
 07-12-2006
Alomenos 38 especies de vertebrados ligados aos medios fluviais galegos están en perigo de extinción

Marcos A. González e Fernando Cobo, profesores do Departamento de Bioloxía Animal da Universidade de Santiago de Compostela, advirten que alomenos 38 especies de vertebrados dos medios fluviais galegos están ameazadas e merecen amparo legal para evitar a súa extinción. Na actualidade, só sete invertebrados, un molusco, un crustáceo e un hirudíneo gozan de tal protección. Estas conclusións, recollidas na publicación Macroinvertebrados de las aguas dulces de Galicia que foi editada recentemente por Hércules de Edicións, forman parte do primeiro estudo que ofrece unha panorámica actual da biodiversidade de invertebrados nos ríos galegos.

No conxunto do medio fluvial galego coñécense 140 familias de macroinvertebrados que inclúen 1.314 especies, das que 980 son insectos acuáticos. En conxunto, segundo apuntan os docentes, o grado de coñecemento desta fauna de macroinvertebrados é “aceptable pero insuficiente”; por iso, subliñan que existen 700 especies que viven nos ríos galegos dos que non se dispón información algunha.

Especies ameazadas

De entre as coñecidas, os autores da obra destacan como ameazadas e non protexidas o coñecido mexillón de río, o cangrexo de río ou a samesuga común. A ausencia de información sobre moitas especies impide facer unha valoración obxectiva do seu estado real; aínda así, os docentes da USC recoñecen que as poboacións de moitas especies endémicas atópanse nalgunhas montañas orientais de Galicia.

As causas deste perigo son a contaminación orgánica, xeneralizada nos ríos galegos, xunto coa alteración física do hábitat que depende da destrución de brañas e mananciais, dragados, canalizacións, aproveitamentos hidroeléctricos ou a construción de paseos e praias fluviais. Por outra banda, Marco González e Fernando Cobo poñen de manifesto que as augas continentais galegas tamén teñen ameazada a súa biodiversidade porque albergan actualmente unha preocupante cantidade de especies foráneas, moitas introducidas de forma intencionada para a pesca deportiva ou debido ao comercio e turismo.

Especies invasoras

Entre as especies invasoras máis preocupantes, os profesores destacan os moluscos bivalvos Corbicula fluminea, procedente do leste asiático, e o Xenostrobus securis, orixinario de Australia e Nova Zelandia. Asemade, os dous investigadores lembran os coñecidos problemas asociados á invasión do cangrexo vermello americano cuxa extensión compromete a supervivencia do cangrexo de río autóctono español que en Galicia apenas se conserva na conca do Miño-Sil.

Novas para a ciencia

Preto de 50 especies novas para a ciencia de diferentes grupos de macroinvertebrados, maioritariamente insectos acuáticos, descubríronse en medios fluviais galegos. Segundo os docentes, estas teñen un importante valor biolóxico e cultural pois os seus nomes científicos evocan a terra galega, as súas cidades, as súas montañas, os seus ríos ou os seus antigos poboadores.