Oficina CEER
 27-03-2009
A programación do Festival Internacional de Teatro Universitario para Compostela finaliza este venres

A Aula de Teatro da Universidade de Alacante será o grupo responsable de botar o pano no Campus de Santiago á programación do XV Festival Internacional de Teatro Universitario.

A obra que levará a escena é ‘Las cerezas de la memoria’ de Juanluis Mira, nunha función que comezará ás 21:30 horas no Teatro Principal. Como de costume, a entrada é gratuíta previo paso polo despacho de entradas que estará aberto dende as 18:00 horas.

‘La tempestad’ en Lugo
O Festival Internacional de Teatro Universitario propón para este venres 27 en Lugo unha historia chea de amor, traizóns e maxia. A partir das 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire, a Escola Superior de Arte Dramático de Murcia representará ‘La tempestad’, de William Shakespeare. A obra, dirixida por Esperanza Viladés, caracterízase pola fusión de diversas disciplinas que integran unha interpretación realista.

A entrada é gratuíta, previo paso polo despacho de entradas que abrirá media hora antes da función. Haberá autobuses para asistir que sairán desde a Escola Universitaria de Formación de Profesorado ás 20:15 horas, e desde o Pavillón Central da Facultade de Veterinaria ás 20:30 horas.