Oficina CEER
 01-04-2009
Un informático vigués deseña un sistema único para navegar por internet coa voz

Xa é posible navegar por internet co único impulso da nosa voz. Un programador vigués deseñou un sistema ata agora único no mundo que non precisa de ningunha instalación no ordenador do usuario máis alá dun simple micrófono e que tamén funciona en teléfonos móbiles.

José Antonio Vidal Sampedro desenvolveuno hai máis dun ano pensando en invidentes ou persoas con mobilidade reducida, pero ningunha empresa o comprou aínda. Porén, hai uns días a multinacional IBM anunciaba o mesmo servizo só dispoñible para dispositivos móbiles.

“Busqueino e esta innovación tecnolóxica non a ten ninguén en todo o mundo. De feito, apostei unha mariscada cos meus amigos (risas). É o que pasa sempre, ti no es capaz de vender e o peixe grande é o que come o mercado. Parece que só eles poden crear estas cousas”, comenta. Vidal insiste en que a novidade do seu sistema é que non precisa de ningunha instalación, xa que se inclúe na programación do servidor web.

“É a miña obsesión. Traballar sobre o que xa existe, porque a xente é remisa a instalar programas. O meu produto apóiase no Flash, a tecnoloxía que utiliza Youtube e todo o mundo”, explica.

O sistema recoñece todas as palabras que se lle introduzan e non resulta demasiado custoso nin require de laboriosas montaxes no servidor do cliente, aínda que a pretensión de Vidal é que o compre Adobe [propietaria de Flash] ou algunha outra empresa informática. De feito enviou un correo á primeira firma, pero nunca obtivo resposta.

“Eu sempre intento vender o código fonte que desenvolvo, aínda que ninguén o fai. Así despois o cliente pode adaptalo ou incluso revendelo”, engade.

O programador vigués explica que a súa aplicación supón un paso máis fronte aos navegadores por voz que xa existen, como o Ópera, pero que requiren “baixalos de internet e instalalos no ordenador do usuario”.

“A ONCE tamén conta con programas deste tipo para os seus usuarios. A diferenza é que a persoa podería navegar coa voz por unha web que teña implantado o meu sistema aínda que non sexa desde o seu ordenador”, aclara.

A aplicación de José Antonio Vidal é bidireccional, de forma que o usuario tamén pode escoitar respostas ás accións que leva a cabo mediante a súa voz.

Patentes
O programador explica que non patentou a súa idea porque “non evitaría que mañá Microsoft faga o mesmo e lle poña outro nome”, di. “En informática hai que estar sempre estudando. Non te podes despistar porque é posible que teñas unha idea moi boa e que, dun día para outro, alguén a desenvolva antes ca ti”, razoa.

Fonte: Faro de Vigo.