Oficina CEER
 07-04-2009
A Semana Galega da Filosofía analizará as perspectivas da educación na súa 26ª edición

A inquedanza por unha renovación temática e metodolóxica no campo da filosofía que hai vinteseis anos levou a un grupo de amigos á redacción da acta de constitución da Aula Castelao, é a mesma que inspira a XXVI edición da Semana Galega da Filosofía que se inaugurará o vindeiro 13 de abril. A educación, as súas perspectivas e asuntos transversais a ela, serán desta vez o tema central das xornadas que traerán a Pontevedra a expertos de sona en España e fóra dela como Marta Harnecker, Carlos García Gual, Marina Subirats ou Manuel Delgado.

Segundo explica Carlos Calviño, presidente da Aula, a institución “continúa coa herdanza que nos deixaron os compañeiros, que é a loita porque Pontevedra e Galicia fosen un núcleo cultural onde se analizase e construíse un espazo onde os galegos poidan escoitar temas que se debaten no resto de Europa”. Despois de atender cuestións como o poder, a ecoloxía, a lingua, o traballo ou a utopía, este ano os relatorios tratarán diferentes aspectos da educación, “un tema transversal en moitos outros encontros”.

Tres bloques
O programa, que contempla sesións de mañá, tarde e noite ata o día 17, no auditorio Caixanova, está conformado por tres bloques: Pensar a educación, Galiza: perspectivas educativas e Olladas á educación, a través dos cales “trataranse problemas actuais da educación desde unha nova perspectiva”, explica Calviño. No primeiro deles participarán Carlos García Gual, cunha reflexión sobre a paideia na Grecia clásica, Julia Varela e Rafael Jerez, todos da Universidad Complutense de Madrid, ademais de Marina Subirats e o ensaísta Pedro García Olivo. Sobre as perspectivas educativas en Galicia, tratando temas como a lingua ou a necesidade da filosofía nas aulas, intervirán Narciso de Gabriel, Goretti Sanmartín, Marcial Gondar, Domingos García e María Cortiñas e Eva López, que dirixirán unha mesa redonda sobre Educación en condicións difíciles. O racismo nas aulas, o actual debate sobre Cidadanía e Educación e maila proposta de Boloña para a educación na universidade, centrarán o bloque Olladas á educación. Como lección de clausura, a Semana Galega da Filosofía contará coa súa convidada máis especial, Marta Harnecker. A socióloga chilena, desprazarase desde Venezuela onde realiza o seu labor como asesora do goberno de Hugo Chávez, para poñer o broche de ouro a unha nova edición desta iniciativa.

Longa colaboración
Na organización destas xornadas, a Aula Castelao conta coa colaboración da Universidade de Vigo nunha relación establecida hai moitos anos e que, en opinión de Calviño “favorece mutuamente” as dúas entidades. “Nesta ocasión aínda con máis motivo”, apunta “xa que se abordarán temas relacionados co Plan Boloña e, en definitiva, porque a educación non é só a que os nenos reciben na escola ou no instituto”.

Como cada ano, a Semana Galega da Filosofía converterase nun bo marco para facer públicas todo tipo de pescudas, facilitar contactos e intercambios ou favorecer a xestación de traballos en común entre os seus participantes. O prazo para matricularse remata o 7 de abril, aínda que o número de inscritos xa rolda as oitocentas persoas.