Oficina CEER
 14-04-2009
III convocatoría proxectos de coñecemento da realidade na UdC

Os Proxectos de Coñecemento da Realidade (PCR) son unha iniciativa en que o alumnado da Universidade da Coruña ten a posibilidade de se desprazar a un país en vías de desenvolvemento para realizar unha estadía de cooperación e que o traballo que desenvolva sexa validado con proxectos fin de carreira, prácticas de materias ou traballos obrigatorios de fin de carreira. Ademais disto, a realización dun PCR constitúese como unha importante ferramenta de sensibilización sobre a temática, tanto para o propio alumnado beneficiario, como para a sociedade en xeral xa que, tras o regreso da estadía, se realizan charlas para dar a coñecer a experiencia.

A Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña abre a convocatoria a todo o estudantado desta universidade e ás persoas que estean interesadas en participar en programas de accións de coñecemento da realidade.

Mediante este programa procúrase un proceso de reflexión desde unha vertente práctica, para implicar ás persoas participantes nas liñas de traballo en cooperación para o desenvolvemento en diferentes países do sur e no traballo que se leva a cabo desde Galicia, fundamentalmente de sensibilización.

Características dos PCR ofertados
A Oficina de Cooperación e Voluntariado poderá financiar varios PCR en función das solicitudes recibidas, e poderá optar todo aquel estudantado da Universidade da Coruña que presente un proxecto de coñecemento da realidade para levar a cabo un traballo de investigación e/ou acción-participación, que conte co respaldo dunha ONGD que estea a desenvolver un proxecto de cooperación nun país en desenvolvemento e que teña a súa correspondente contraparte local.

Os eidos de actuación dos PCR poderán ter un carácter especificamente técnico (proxectos de saneamento, hidráulica, construción e rehabilitación etc.) ou de calquera outro (educación, desenvolvemento comunitario, adquisición de poderda muller, capacitación de técnicos locais etc.) En calquera caso, é preciso contar co apoio do profesorado da UDC para convalidar curricularmente (proxecto fin de carreira, traballo obrigatorio de materia, practicum) o traballo desenvolvido durante a estadía.