Oficina CEER
 17-04-2009
Marcado acento lusófono e danza na XI Mostra Internacional de Teatro Universitario

O teatro universitario acode un ano máis a súa cita coa MITEU, a Mostra Internacional de Teatro Universitario que desde o vindeiro luns 20 e a ata o 30 de abril, desenvolverase no Teatro Vidal Bolaño.

Cun marcado acento lusófono e incluíndo por primeira vez un espectáculo de danza, a XI MITEU porá en escena os traballos dun total de oito aulas de teatro de universidades como a Lusófona de Guinea Bissau, Coruña, Beira Interior e Vigo e o Terrah Cultural de Brasil. “As montaxes sempre son variadas”, sinala Pepa Barreiro, responsable da MITEU en Vigo e directora da Aula de Teatro da Universidade de Vigo “destacando este ano a case total ausencia de montaxes con textos clásicos, xa que todos son contemporáneos a excepción da obra Hide da Aula de Teatro de Ourense”.

As representacións comezarán o luns coa obra da Aula de Teatro do campus de Vigo, Superheroes de barrio de Jordi Gomar. O 22 de abril tomará o relevo a Aula de Teatro e Danza da Universidade de A Coruña co espectáculo de baile Ver fondo do envase, e a Aula de Teatro do campus de Pontevedra coa obra de José Sanchís, Os figurantes. A primeira semana da MITEU baixará o pano coa posta en escena de Marcá dor, a cargo de TeatrUBI e Asta da Universidade da Beira Interior de Portugal. O 27 de abril a Aula de Teatro e Danza da Universidade de A Coruña representará Máquina muller, obra baseada na obra de Heiner Muller. Ao día seguinte, o Grupo de Teatro do Oprimido da U. Lusófona de Guinea Bissau representará a obra Desexo de nai. O Aula de Teatro do campus de Ourense de Terrah Cultural de Brasil serán os encargados de pechar a mostra os días 29 e 30 de abril, respectivamente, coas obras Hide (Oculto) e O encontro de cordéis.

Heteroxeneidade e compromiso
“Aínda que se trate dunha mostra universitaria hai moito máis público de fóra da universidade e en moitos casos un público fiel que ven a case todas as representacións”, asegura Pepa Barreiro referíndose aos espectadores que acoden a presenciar as representacións da MITEU en Vigo. Un público heteroxéneo que ao longo dunha década tivo ocasión de entrar en contacto co teatro feito non só nas tres universidades galegas, senón nas aulas de teatro de universidades dos cinco continentes.

Sobre a implicación do estudantado nas aulas de teatro, Barreiro asegura que” son moito máis que un curso de extensión, é un traballo de grupo, tes que aprender un texto, son máis do dobre de horas, fas saídas e os créditos son os mesmos”. Un sacrificio que non moitas persoas están dispostas a facer, pero que non impide sen embargo que o teatro siga vivo e iso, sinala Barreiro, “que estamos nunha época moi tecnolóxica, pero mentres existan relacións humanas, existirá o teatro”.

Tal vez alguén pense que esta actitude ten algo de heroica, ou non. Onde si están garantidos os heroes, e aínda máis os superheroes, é na obra que abrirá a MITEU o vindeiro luns, Superheroes de barrio de Jordi Gomar, “un espectáculo” sinala a súa directora Pepa Barreiro, “ que por unha banda é un divertimento, pero tamén hai flashes de reflexión do mundo contemporáneo”. A cita, ao igual que o resto de obras da mostra, será ás 18.30 no Teatro Vidal Bolaño, con entrada de balde.