Universidade da Coruña
 15-12-2006
A Universidade da Coruña contará cunha oficina para a igualdade de xénero

A Oficina de igualdade de xénero da Universidade da Coruña nace co obxectivo de eliminar calquera mostra de sexismo no seo da comunidade universitaria. A creación deste departamento específico aprobouse está mañá en sesión de Consello de goberno co visto e prace a un documento no que se especifican as competencias do mesmo. A Oficina intervirá socialmente como un observatorio das situacións de xénero no marco de toda a comunidade da UDC: persoal docente e investigador, estudantado e persoal de administración e servizos.

Entre outros fins desta oficina está a promoción de estudos sobre as situacións de xénero na UDC; fomento da formación e investigación en estudos de xénero nas distintas áreas científicas; desenvolvemento de accións de sensibilización acerca da igualdade de xénero e o impulso de accións que garantan condicións igualitarias para o acceso e promoción de mulleres e homes na actividade docente, investigadora, laboral e representativa da UDC. Ademais, plantéxase como obxectivo coñecer, informar e no seu caso mediar nos posibles conflitos por discriminación de xénero na actividade académica e laboral da UDC.

A profesora Ana Sánchez Bello, codirectora do Máster de Xénero e Políticas de Igualdade, será a responsable desta oficina que contará ademais cun Consello Asesor formado polo vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación, Luís Caparrós, a vicerreitora de Investigación, Concepción Herrero, e diversos representantes do estudantado, profesorado e do persoal de administración e servizos.