Oficina CEER
 07-05-2009
O campus de Ourense convértese no epicentro da cultura emprendedora nun encontro que lembra a figura de Eduardo Barreiros

Informar, fomentar o emprendemento e compartir experiencias son os obxectivos do II Encontro Internacional de Emprendedores Eduardo Barreiros que se celebra ata este venres no Edificio Politécnico. Organizado polo Concello de Ourense a través da Concellería de Economía, Facenda, Emprego e Promoción Económica, este encontro pretende ser un espazo de coñecemento para a análise, o debate e intercambio de ideas e experiencias arredor do fomento da cultura emprendedora e das novas oportunidades para as iniciativas empresariais da xente nova.

Na inauguración do encontro o reitor Alberto Gago destacou que dende a década de 1990 o emprendemento, xunto coa transferencia de coñecemento, “foi unha liña básica de reforma da universidade española”. Se isto era así hai dúas décadas, “hoxe en día máis, xa que en tempos de crise precísase iniciativa, ideas e talento”, subliñou Gago. Para rematar o reitor destacou que “na nosa universidade contamos con xente nova, formada, con ilusión e, sobre todo, dispostos a asumir riscos”.

Segundo o concelleiro Agustín Fernández é doado falar de emprendemento nos tempos que corren, “porque a mellor ferramenta para resolver os problemas que estamos a sufrir son as persoas e o talento, aqueles que están dispostos a innovar e arriscar en novos proxectos e soños”.

A pesar de que o 2009 non é un bo ano para a economía en xeral ,“si pode selo para os valentes que decidan crear unha empresa”, afirmou Yolanda Rivero, directora do CIMO (Portal Galego de Emprego). Na súa opinión, estas xornadas servirán para coñecer “expertos na materia e distintos emprendedores que contarán as súas experiencias e que de seguro serán proveitosas”.

Por último, Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, que foi o encargado de pechar o acto inaugural, amosouse moi satisfeito coa continuidade no tempo destas xornadas, “xa que só deste xeito estaremos en condicións de acadar os obxectivos planeados”. O alcalde manifestou que Ourense conta con moitos recursos e potencialidades pero que “precisa de novas ideas e proxectos, por iso confiamos no traballo dos emprendedores para artellar solucións rápidas e eficientes”.

O emprendemento en tempos de crise
Tras o acto de inauguración deu comezo a primeira sesión da mañá baixo o título Emprender en tempos de crise, na que interviron María Antonia Otero, socia directora de Lembra Tech&Business e Julio Lage, vicepresidente do Consello de Cooperación Económica. Para rematar a xornada matutina, chegou o momento do Impulso ao espírito emprendedor: novos recursos e instrumentos, sesión na que se deron a coñecer programas como o Erasmus para emprendedores ou o Woman Emprende e na que tamén se falou do Certame Iweekend e do labor do Centro de Negocios no Exterior da Fundación Galicia Europa.

Mentres, a busca de financiamento en tempos de crise e a aprendizase do emprendemento, con relatorios como O mercado alternativo bolsista, Atraer inversións e alianzas estratéxicas ou experiencias como a Implantación do Taller de Iniciativas Empresariais ou Emprender dentro da Universidade, protagonizan as sesións da tarde.

Máis relatorios
O venres as sesións desenvolveranse só en horario de mañá e xirarán entorno a rede como soporte de novos negocios e o emprendemento en Ourense e dende a Universidade. Paralelamente a estes relatorios, de 10 a 13 horas, terá lugar o Seminario sobre fomento da cultura emprendedora no sistema educativo.

O encontro rematará co acto de clausura no que se realizará unha homenaxe a Honorato López Isla, vicepresidente e conselleiro delegado de Unión Fenosa e presidente de R. Todos aqueles que non poidan asistir ás xornadas non teñen porque perderse o encontro, xa que este será retransmitido en directo a través da súa páxina web, onde ademais se pode obter información das xornadas realizadas o pasado ano e incluso descargar os relatorios dos conferenciantes