Galicia-Hoxe.com
 21-12-2006
O sistema universitario galego potenciará as dobres titulacións

A Consellería de Educación quere aproveitar o proceso de converxencia europea para complementar a oferta dos campus galegos, fomentando os títulos conxuntos ou a especialización en carreiras repetidas.

Titulacións dobres, mixtas ou compartidas como Matemáticas e Enxeñaría Informática, Economía e Dereito; Arquitectura e Belas Artes, Educación Física e Fisioterapia ou Filoloxía Inglesa e Turismo, que xa funcionan en España, son unha das prioridades da Consellería de Educación para a conversión ó Espacio Europeo de Educación Superior, segundo deixou onte claro no Consello Galego de Universidades a titular de Educación.

En Galicia só existen dous casos. A Universidade da Coruña imparte a titulación dobre de Dereito e Administración de Empresas, que dura seis cursos, un máis que unha carreira convencional. En Vigo hai unha experiencia similar. Na cidade olívica a licenciatura de Dereito que se imparte é a da chamada rama Económico-Empresarial, combinando materias dos tradicionais estudos de leis e de Ciencias Económicas en cinco cursos.

Pero iso será logo de adaptar as carreiras xa existentes ó novo modelo porque a intención de Educación é que a maioría entren a funcionar como títulos de grao xa en outubro de 2008. A reforma aproveitarase ademais para diferenciar un título repetido en varios campus pola vía da especialización en cada un deles, para paliar a caída de alumnos.

A última sesión do ano deste órgano serviu para constituír a comisión académica que adaptará a Galicia as directrices do Ministerio de Educación (MEC) para a conversión das actuais diplomaturas e licenciaturas ó novo modelo, no que todas estas carreiras -salvo as que teñen un réxime especial, como é o caso Medicina ou as enxeñarías- pasarán a ser títulos de grao de catro anos.

As directrices autonómicas estarán listas en febreiro e unha vez aprobadas en Madrid, empezarase a traballar na transformación da oferta actual.

Liberdade ás universidades para adaptar os seus títulos

Tras meses de tensión nos campus pola proposta do MEC de aprobar un catálogo restrinxido que prescindía de numerosas carreiras que funcionan na actualidade, a nova ministra optou por un modelo que lles dá ás universidades unha marxe importante de liberdade para adaptar os seus títulos ó novo escenario.

Pero os gobernos autonómicos terán a última palabra, recorda a conselleira, que recalca que o seu departamento e as tres universidades teñen a responsabilidade de deseñar un Sistema Universitario de Galicia "complementario, atractivo e moderno".

"A Consellería aproveitará este proceso de converxencia para ordenar os campus galegos, facendo esforzos por lograr unha complementariedade na oferta de titulacións e fomentando as titulacións conxuntas que aproveiten ao máximo as sinerxias do SUG", resumiu Laura Sánchez Piñón tras a reunión.

A combinación nun só título de dúas filoloxías -aínda que con máis peso a dunha lingua que a doutra- é tamén a proposta que defendeu o decano destes estudos na USC como participante na redacción do libro branco das filoloxías para o MEC.