USC
 26-12-2006
I Reunión Ibérica en Química Medicinal

O foro pretende debater sobre a investigación e o desenvolvemento de novos axentes anticancro

A primeira Reunión Ibérica en Química Medicinal, organizada polas Universidades de Santiago, Vigo, Coimbra e Porto, celebrarase entre o 29 de abril e o 1 de maio do vindeiro ano na cidade lusa Peso de Régua, na rexión de Douro. Co obxectivo de debater sobre a investigación e o desenvolvemento de novos axentes anticancro, este congreso acollerá a expertos das distintas áreas relacionadas coa investigación oncolóxica. O prazo de inscrición, que se pode realizar a través da páxina web, permanecerá aberto ata o día 6 de xaneiro de 2007.

As sesións científicas inauguraranse o 29 de abril de 2007 cun acto ao que asistirán a catedrática da Facultade de Farmacia na Universidade de Porto, Natércia Teixeira, e a docente da Universidade de Vigo, Carmen Terán, e no que o profesor e director do departamento de investigación cirúrxica no Instituto de Investigación ‘Beckman’ da cidade de Hope, Shiuan Chen, pronunciará unha conferencia sobre a base molecular dalgunhas drogas usadas para tratar determinados cancros.

Ao longo das tres xornadas do encontro, numerosos expertos chegados de todas as partes do mundo abordarán cuestións como as drogas antitumor, o cancro gastrointestinal, as novas técnicas terapéuticas no coidado do paciente oncolóxico, a quimioterapia, a importancia das interaccións non-covalentes e as achegas terapéuticas para tratar esta enfermidade. Os relatorios complétanse co desenvolvemento de comunicacións orais simultáneas e a celebración dunha mesa redonda sobre innovacións farmacéuticas na terapia anticancro.