Oficina CEER
 28-05-2009
A Conferencia Internacional da European University Information Systems chega a España da man da USC

Responsables de Tecnoloxías da Información de 137 universidades e institucións de investigación superior procedentes de trinta e tres países europeos reuniranse na Conferencia Internacional da European University Information Systems (EUNIS), que se celebrará do 23 ao 26 de xuño de 2009 na Universidade de Santiago. Trátase da primeira vez que esta reunión se celebra en España.

O programa da xuntanza presentouno o reitor da USC, Senén Barro, nun acto no que estivo acompañado do director de Colectivos e Universidades de Galícia do Banco Santander, José Loureiro; e dos directores da Área TIC e da Oficina Web da USC, Javier Franco e Pedro Rey, ambos os dous membros do Comité Organizador.

A elección da Universidade compostelá para organizar este Conferencia, pese a existencia previa doutras candidaturas, tivo como referente o compromiso da USC no eido galego, nacional e europeo a prol do impulso e coordinación das políticas universitarias de TIC e a súa presenza activa nos distintos foros dos distintos ámbitos xeográficos. O secretario executivo de Eunis, Martin Price, destacou no seu día que a elección da USC “permitirá afondar aínda mais os lazos entre EUNIS e as universidades españolas”.

Dende o ano 1995, a Conferencia Anual celebrouse en Inglaterra (Manchester), Alemaña (Dusseldorf e Berlín), Francia (Grenoble), República Checa (Praga), Finlandia (Helsinki), Polonia (Poznan), Portugal (Porto), Holanda (Amsterdam), Eslovenia (Ljubljana), Tartu (Estonia), e Dinamarca (Aarhus).

A USC foi a primeira universidade española que ingresou en Eunis no ano 2005, aínda que actualmente outras institucións universitarias españolas e a propia Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) forman parte desta asociación que, con sede en París, intenta dar pulo ao desenvolvemento conxunto dos sistemas de información das universidades europeas.

Ademais, a universidade compostelá foi a primeira institución con presenza no Consello (Council) de EUNIS, órgano de goberno do que forma parte desde xuño de 2006 o director da Área TIC da USC, Javier Franco, ao que tamén se sumou un representante da Universidade Politécnica de Valencia en representación de CRUE.

Conferencia 2009
A Conferencia Internacional que está a organizar a universidade compostelá entre os 23 e o 26 de xuño terá como lema ‘IT: Key of the European Space for Knowledge’. O próximo 30 de maio finaliza o prazo da inscrición anticipada, mentres que o período de inscrición e de publicación de relatorios estenderase ata o 15 de xuño.

As intervencións agruparanse en diversos bloques temáticos sobre e-learning e v-learning, ferramentas de portais e webs institucionais, administración electrónica, globalización e mobilidade, infraestrutura e sistemas integrados, xestión das tecnoloxías da información, novas tecnoloxías aplicadas á educación e redes sociais.

Eunis
A European University Information Systems (EUNIS) é unha asociación creada en 1993 cuxa actividade principal é a súa conferencia anual, a cita mais importante, no contorno europeo e mundial, de reflexión sobre os asuntos vinculados ao desenvolvemento e utilización das TIC nas universidades. Na actualidade conforman a asociación 135 institucións oficiais pertencentes a 29 países europeos e Estados Unidos e Israel.

A finalidade básica deste colectivo é fomentar o intercambio, a cooperación e o debate entre os responsables dos sistemas de información europeos de institucións de educación superior e de investigación, así como establecer relacións no ámbito dos sistemas de información en cada país e no contexto europeo.

Para alcanzar os seus obxectivos, Eunis desenvolve diversas actividades entre as que se atopan, congresos, workshops e eventos con partners; boletíns informativos; informes e publicacións; grupos de traballo; premios ás mellores prácticas; listas de distribución; e acordos e proxectos conxuntos.