Oficina CEER
 06-07-2009
Constituída a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística para fomentar o uso da lingua galega

Co obxectivo de promover a coordinación do proceso de normalización lingüística no ámbito universitario e co compromiso de fomentar o uso da lingua no espazo de educación superior, as tres universidades galegas veñen de constituír a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística. Baixo a presidencia rotatoria dos tres reitores e coa participación de responsables da promoción e extensión de usos da lingua das tres universidades, a Comisión pretende rendibilizar recursos e homexeneizar a planificación normalizadora no ámbito universitario. “A constitución desta comisión”, sinala Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, “ven formalizar una colaboración previa que neste ámbito mantiñan as tres universidades dentro dun traballo conxunto que se traducía en determinadas accións de política lingüística”.

Primeiras accións
Na súa primeira reunión celebrada na Reitoría da Maestranza da Universidade de A Coruña, a comisión amosou a súa preocupación polo recorte previsto no orzamento para actividades de normalización e acordou dirixirse á Secretaría Xeral de Política Lingüística para achegarse diversas iniciativas como a de continuar e ampliar a oferta de manuais e de material docente para o ensino universitario. O desenvolvemento de normativas que fomenten o uso do galego na docencia, fundamentalmente nos primeiros anos dos novos graos, foi outra das propostas realizadas pola comisión que tamén acordou deseñar unha campaña común sobre os dereitos lingüísticos na comunidade universitaria. Accións que o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo incide en que “están dirixidas á comunidade universitaria e á sociedade en xeral da que a universidade forma parte”.

A Comisión tamén acordou dirixirse a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ACSUG para que xestione a incorporación da lingua galega a todos os materiais docentes que emprega o profesorado universitario.