Oficina CEER
 15-07-2009
Ángeles López, directora da OTRI da UVIGO, nova coordinadora nacional da Red OTRI.

A Universidade de Vigo puxo en funcionamento a OTRI hai 18 anos, o mesmo tempo que leva nesta oficia Ángeles López, que vén de ser elixida estes días coordinadora nacional da Red de Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación, OTRI. Nos últimos catro anos e medio exerceu o cargo de directora da OTRI na Universidade de Vigo e o seu traballo viuse recoñecido con este nomeamento por parte da comisión permanente da rede.

Que supón para vostede ese nomeamento?
Foi algo inesperado, unha sorpresa, pero é unha satisfacción a nivel profesional e tamén persoal. Ademais é tamén un orgullo poder ofrecer este cargo a disposición da Universidade de Vigo, que é quen realmente está detrás de que eu poida postularme a esta candidatura. É un recoñecemento non só do meu traballo, senón do da Universidade, non se pode chegar a este punto sen un acompañamento do labor de transferencia realizado pola propia institución.

Cales son as novas responsabilidades deste cargo?
A coordinación lévase moi compartida, pero a nivel de representación serei a interlocutora. Non creo que sexa moito máis traballo do que vimos desenvolvendo nos últimos anos, da man do Ministerio e da CRUE, para posicionar o papel das universidades españolas no sistema de I+D+i como un axente e un actor fundamental nos procesos de innovación. Colaboramos cos ministerios para elaborar o programa nacional de valorización e transferencia do coñecemento e coa CRUE, que é quen nos acolle na sectorial de I+D. Da man dos reitores e vicerreitores de Investigación avanzamos no deseño de estratexias e políticas sobre o I+D+i e, sobre todo, na valorización e transferencia de resultados á sociedade. Co anterior secretario de Estado de Universidades estivemos traballando no borrador do Real Decreto das Empresas de Base Tecnolóxica (EBT) universitarias, pero agora estamos á espera dos novos interlocutores do Ministerio nos temas de transferencia, tras a súa reestruturación.

Cal é o papel da Red OTRI no eido da transferencia do coñecemento?
A Red OTRI é a única fonte de información en España sobre indicadores de transferencia, somos a única entidade que facilita os datos de contratos e proxectos de I+D con empresas, patentes e xeración de EBT’s xurdidas dos resultados de investigación. Estes tres indicadores son os que reflicten a actividade de transferencia de coñecemento. Tamén dende Red OTRI se fomenta a relación con outros axentes do sistema como parques tecnolóxicos e científicos, centros de investigación, etc, porque tamén se involucran nos procesos de innovación xunto coas universidades. Ao mesmo tempo, existe unha relación a nivel internacional, a Red OTRI é a rede mellor cohesionada de transferencia de coñecemento de toda Europa. Servimos de xermolo para que se xesten asociacións e redes servindo de referencia a países como Portugal e Italia e formamos parte da executiva da asociación europea ProTon de transferencia de coñecemento das universidades europeas. Tómannos de referente e os indicadores que manexamos en España dende hai anos trasladáronse á enquisa europea para que se empreguen na actividades das universidades e dos centros de investigación públicos. Póñennos de exemplo tamén a nivel do plan formativo e a nivel da relacións institucionais que mantemos e do papel que xogamos como axente fundamental de innovación no sistema español.

Cales son os retos que se marca nun futuro inmediato como coordinadora da Red OTRI?
Nestes catro anos que levo na comisión permanente démonos conta de que hai relacións que non mantemos con toda a fluidez que debéramos. Hai moito camiño andado na relación co Ministerio e coas empresas, pero creo que é un reto fundamental estreitar as relacións co Cdti, Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial, que é un axente que concede axudas á I+D pero de empresa. A idea é que as empresas vexan a relación coas universidades como algo natural, que nos vexan como axentes do I+D, pero queda moito que andar sobre todo no reparto dos dereitos de propiedade industrial, para que as universidades poidan rendibilizar e retornar social e economicamente os beneficios dos resultados da investigación.
Outra iniciativa que tamén me gustaría levar adiante é aumentar a relación coa Asociación Española de Parques Tecnolóxicos. Os parques están sendo un axente fundamental no proceso de innovación, hai moitas actividades nas que xa colaboramos sobre todo no que se refire ao plan de formación.
Traballaremos en todas as iniciativas que sirvan para cubrir o innovation gap, o buraco de innovación, que sirvan para fomentar os proxectos de van dende onde acaba o proxecto de investigación ata a posta en valor e o mercado, iniciativas públicas e privadas para financiar este espazo e poder pechar o buraco.
Ministerio, Cdti e parques son os nosos tres eixos de interlocución, xunto coa CRUE.

En que punto se atopa o eido da transferencia de coñecementos nas universidades españolas e máis concretamente na de Vigo?
Estiven na conferencia anual da rede Curie, o equivalente á Red OTRI en Francia, e presentei os indicadores da rede. Quedáronse absolutamente abraiados e cando presentei os da Universidade de Vigo, unha institución pequena nunha comunidade autónoma que non é punteira en I+D+i, sorprendéronse máis. 11 millóns de euros en contratos con empresas é a cifra da Universidade e, ante os 620 millóns de euros en 2008 das universidades españolas, podemos dicir que Vigo está por riba da media. O indicador de transferencia da Universidade é moi positivo, aínda que sociedade segue sen percibir este potencial, sen recoñecer este papel que recollen as cifras e recoñece o tecido empresarial, sobre todo o máis achegado, pemes e empresas da contorna. Ademais, creáronse un cento de spin-off das universidades o ano pasado, catro delas de Vigo, polo que nos volvemos a situar á cabeza tamén neste indicador. Con todo, no que non acabamos de despegar, nin aquí nin a nivel nacional, é nas licencias de patentes, un campo no que temos moito que traballar, porque é unha das vertentes máis interesantes para retornar beneficios da investigación.

De cara ao futuro, temos que por en valor o labor realizado polas universidades na transferencia do coñecemento, non se percibe dende a cidadanía esta proximidade das institucións académicas e son a principal fonte de xeración do coñecemento en todo o mundo e así deben ser tratadas. Estamos ao servizo do benestar social e de xerar riqueza