Oficina CEER
 16-07-2009
Filminho: unha ponte de cine entre Galicia e Portugal

Tras o éxito de 2008, o Filminho-Festa do cine galego e portugués vivirá a súa segunda edición entre os días 15 e 19 deste mes.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato e Vitor Días, director de xuventude do Norte de Portugal daban o visto e prace á presentación de FILMINHO, financiado polo proxecto ESPAZO XUVENIL, ao abeiro do Programa de Cooperación transfronteirizo España – Portugal (2007 – 2013), área de cooperación Galicia – Norte de Portugal.

O director xeral de xuventude resaltou na rolda de prensa a importancia de eventos que como Filminho fomentan aínda máis as relacións culturais entre Galicia e o Norte de Portugal, subliñando o apoio do seu departamento a proxectos que promoven a cultura e as novas oportunidades para os mozos creadores de eurorrexión. Tamén fixo especial fincapé en como a xuventude e as asociacións se unen para potenciar o seu, exemplo deste festival será como ducias de voluntarios realizarán un gran labor no bo desenvolvemento do festival.

O auditorio de Goián acolleu o 2 de xullo o acto de sinatura do protocolo de cooperación no ámbito do Filminho, asinado polo Concello de Tomiño, representado pola súa alcaldesa Sandra González Álvarez, a Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, co seu vicepresidente Joâo Fernando Nogueira e as dúas asociacións culturais denominadas A Morraceira, encabezadas polos seus presidentes Xurxo González Rodríguez e André Manuel Gonçalves Martins.

O festival de cinema está dedicado á difusión do audiovisual galego e portugués, e realízase simultaneamente nas vilas de Tomiño e Vila Nova da Çerveira. O seu carácter transfronteirizo va máis alá dun simple festival internacional dado que decorre en dous países e establécese sobre a fronteira, xuntando pobos e culturas nunha propia realidade.

O obxectivo de Filminho é dar a máxima atención a cada filme, a cada sesión, a cada convidado, a cada espectador, e a máxima visibilidade ás cinematografías, aos creadores, aos produtores e aos patrocinadores. Ao nivel da programación destácase a retrospectiva sobre o realizador Edgar Pêra.

Tomiño e Çerveira comprometéronse a prestar apoio financeiro e loxístico a Filminho, co fin de beneficiar e garantir o crecemento do Festival, nas súas vertentes de difusión cultural e de creación, e as dúas asociacións denominadas A Morraceira a co-organizar o evento. O prazo de validez do acordo é de 3 anos, o convenio renovarase sucesivamente se ningunha das partes se pronuncia en contra.

Filminho (festa do cinema galego e portugués) terá lugar os vindeiros días 16 a 19 de xullo do 2009 en Vilanova da Çerveira e Tomiño.