Oficina CEER
 21-07-2009
A UVigo coordina unha rede pioneira en Europa de investigación en inmunoterapia

A necesidade de salvar a distancia que separa aos fármacos que desenvolven grupos de investigación básica dos ensaios clínicos, evitando así que moitos produtos queden agochados nos laboratorios, está na orixe da Rede Europea en Inmunoterapia, Immunonet, que a iniciativa e coa coordinación da catedrática do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, acaba de iniciar a súa andaina.

A cura de enfermidades a través da estimulación do sistema inmune reuniu arredor desta rede, única en Europa, a varios centos de investigadores que desenvolven o seu labor nun total de 13 universidades, hospitais e empresas de España, Francia e Portugal. Unha área xeográfica que permitiu a Immunonet acadar un financiamento de máis dun millón de euros do programa Interreg SUDOE-FEDER (Programa de Cooperación Territorial do Espazo Sudeste Europeo) ao que concorreron 256 proxectos, dos que só 45 foron seleccionados. “Pensamos que sería unha aposta interesante crear unha rede en inmunoterapia xa que un dos problemas que temos é como levar os fármacos que desenvolvemos os grupos de investigación ao paciente”, explica África González que afirma que “como médico que son o que me gustaría é que as cousas nas que o noso grupo e outros investigadores estamos traballando tivesen unha aplicación”.

O intercambio de mostras, o envío de estudantes duns laboratorios a outros e a posta en servizo dunha páxina web, son as primeiras accións que está a levar a cabo esta rede que ten na creación dun centro virtual que concentre a información sobre o traballo que se está a desenvolver arredor da inmunoterapia, outro dos seus obxectivos iniciais. “Trátase de que tanto investigadores como empresas, hospitais e a sociedade en xeral, poida ter información e saber que ensaios se están a facer ou en que centros se están a levar a cabo”, explica África González que incide na importancia da explicación e divulgación do traballo que os investigadores están a facer nos laboratorios ata o punto de que “moitos enfermos de cancro cando poñen o seu brazo para recibir un tratamento, non saben que tal vez lles están poñendo anticorpos monoclonais, citoquinas ou células dentríticas, é dicir unha terapia inmunolóxica, e non un tratamento quimioterápico”.

Quen e quen en Immunonet
Investigadores que desenvolven o seu traballo en prestixiosos centros como o CNRS (Centre national de la recherche scientifique) e o INSERM (Institut national de la santé et de la recherche medicale) de Francia; en hospitais españois como a Clínica Universitaria de Navarra, a Clínica Puerta de Hierro ou o Hospital de la Princesa de Madrid; no instituto de Medicina Molecular e a Universidade de Porto e nas empresas Digna Biotech e Biotecnol, integran a Rede Europea de Inmunoterapia, baixo a coordinación da Universidade de Vigo a través do grupo de Inmunoloxía-Unidade compartida co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI).

“Eu fun a que me metín nesta aventura da coordinación, sobre todo ao ver o apoio que me proporcionaba a Universidade”, asegura África González que tamén destaca a axuda que lle prestaron Anxo Moreira e Angel Freire da Oficina de I+D. O proceso de constitución da rede foi segundo González “moi doada por que todos nos coñecíamos e enseguida puxémonos de acordo, xa que tiñamos claro que queríamos seguir traballando no desenvolvemento de fármacos de utilidade terapéutica”.

Deseñada en tres niveis, a Rede de Europea en Inmunoterapia que celebrou a súa xornada de lanzamento a finais de xuño, está constituída, por unha banda, por grupos de investigación moi básica que traballan fundamentalmente con animais en modelos experimentais; outro nivel con grupos clínicos que traballan en modelo humano con células extraídas de pacientes con leucemia, alerxias ou enfermidades autoinmunes e un terceiro grupo dedicado á realización de ensaios clínicos.

A multidisciplinariedade é un dos sinais de identidade da rede que reinvindica a súa coordinadora, ata o punto que asegura África González que “a colaboración é agora mesmo o único xeito de avanzar en ciencia. Claro que determinadas persoas poden ter ideas brillantes pero a sofisticación e tecnificación actuais, fai moi difícil que unha soa persoa poida dar cobertura a unha idea brillante”. Única en España e en Europa, só existe en EEUU no Instituto Nacional do Cancro unha rede semellante á coordinada desde a Universidade de Vigo.

Financiamento europeo a través do programa SUDOE Moi centrado no apoio ao desenvolvemento rexional en materia de innovación, medioambiente ou novas tecnoloxías da información, o Programa de Cooperación Territorial do Espazo Europeo (SUDOE) recibiu na súa primeira convocatoria de proxectos un total de 256 candidaturas procedentes de España, Francia, Portugal e Xibraltar, das que só 45 foron seleccionadas. “A selección foi unha sorpresa moi positiva xa que aínda que inicialmente non é unha convocatoria pensada para proxectos de investigación desde tipo, senón máis ven para desenvolvemento rexional, este ano SUDOE quixo impulsar tamén os proxectos de investigación”, sinala a coordinadora da rede.

Do máis de millón de euros que Immunonet recibirá do programa SUDOE beneficiaranse nove das 13 institucións que integran a rede, quedando fóra dúas empresas, o Instituto de Saúde Alto Ave e o INSERM “que se atopa na rexión de París que está excluída do programa, pero onde traballa unha investigadora moi boa que é Agnes Lebón”, explica González.

Cunha duración inicial de tres anos, a rede ten, como sinala a súa coordinadora, “unha clara vocación de continuidade”, así como a aspiración a integrar “a diversos especialistas de diferentes ámbitos que xa empregan a inmunoterapia”. Ademais “se serve para facer progresar a investigación e potenciar as colaboracións entre os grupos e divulgar os nosos traballos, dareime por satisfeita”, afirma África González.