Oficina CEER
 05-10-2009
A USC obtén a consideración de Campus de Excelencia Internacional polo seu proxecto ‘Campus Vida’

Os Ministerios de Educación e de Ciencia e Innovación acaban de concederlle á USC a consideración de Campus de Excelencia Internacional polo seu proxecto ‘Campus Vida’. Con este excepcional logro a universidade compostelá engade á súa posición entre os primeiros lugares no conxunto do Sistema Universitario Español unha etiqueta de excelencia á que concorreron máis de 50 universidades de todo o Estado, pero que só obtiveron o 30%.

O programa Campus de Excelencia Internacional ten por obxecto financiar as iniciativas máis innovadoras e competitivas buscando mellorar a calidade, a eficiencia e a eficacia da docencia universitaria así como a transformación do coñecemento en maior competitividade e aumento da innovación. Trátase de situar ás mellores universidades españolas entre as mellores de Europa e promover o recoñecemento internacional a un número significativo de campus universitarios no marco de áreas innovadoras baseadas no coñecemento.

Campus Vida foi considerado un dos mellores proxectos, concibido para dar resposta ás novas necesidades na formación, a transmisión e a transferencia do coñecemento á sociedade. Segundo manifestou o reitor compostelán nun encontro cos medios de comunicación “nunca antes se concibira, planificara e concretara un proxecto tan importante para integrar definitivamente a Galicia entre as sociedades baseadas no coñecemento, transmitindo o orgullo de toda a comunidade universitaria, dos campus de Lugo e Compostela, por situar a Galicia na elite da educación superior e da investigación”.

Campus Vida
O proxecto Campus Vida, en execución desde hai varios anos, supón un redeseño do campus máis emblemático da USC, o Sur, e que constituíu na primeira metade do pasado século a aposta máis clara da USC para camiñar cara a unha universidade moderna e con impacto internacional. Agora, con este recoñecemento consolídase “como o máis dinámico e emprendedor dos campus históricos”, indica Barro.

Trátase dunha ambiciosa aposta, co horizonte en 2015, para converter á USC nun referente internacional no ámbito académico, tanto na docencia como na investigación, que rentabilizando a súas fortalezas nas ciencias e tecnoloxías da vida proxecta estratexicamente ao conxunto da Universidade.

O proxecto, presentado con grande éxito polo equipo de goberno da USC á convocatoria realizada polos dous Ministerios, contempla a creación de novos centros docentes no ámbito das ciencias da saúde; unha Rede de Centros Singulares de Investigación; un ecosistema para a transferencia do coñecemento e a difusión da cultura emprendedora arredor do novo edificio Emprendia; así como a transformación urbanística, residencial, de integración urbana e de espazo natural, que suporá a recuperación dun campus para as persoas.

Integración co contorno
En concreto, Campus Vida representa a integración e interacción harmónica da universidade co contorno urbano da cidade compostelá, “coa intención, claramente evidenciada, de gañar en sustentabilidade e calidade de vida para quen traballe, estude ou simplemente visite o coñecido actualmente como Campus Sur”, engadiu o reitor.

Apoian á USC nesta proposta o Concello, o CSIC, o CIEMAT, o CHUS, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Feuga, o Cesga, o Banco Santander, e as empresas Esteve, Advancell, Nanogap, Neoker, Keramat, Mestre Lab e Galchimia. Ademais, o proxecto conta co aval da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a colaboración de Inditex, Zeltia, Almirall e Faes.