Oficina CEER
 08-10-2009
Pulo á investigación desde posturas feministas e ao desenvolvemento de estudos de xénero cunha perspectiva interdisciplinaria

Co obxectivo de achegar á sociedade os traballos de investigación sobre a cuestión do xénero, a comisión de seguimento da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas da Universidade de Vigo presentou esta mañá o primeiro libro no que se recolle un resumo de cinco destas investigacións. Dende o nacemento da cátedra, no ano 2000, realizáronse 50 estudos de investigación sobre cuestións de xénero, “unha cantidade importante de traballos que hoxe comeza a ver a luz cara ao exterior”, sinalaba Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, quen cualificaba a cátedra como “unha plataforma de reflexión a prol da incorporación da muller en condicións de plena igualdade co resto de colectivos sociais nas diversas facetas e actividades da vida económica, social e cultural de Galicia”.

O papel da muller na comunidade universitaria, os malos tratos, a percepción social das mulleres, o uso do preservativo feminino, a educación sexista ou a imaxe da muller na publicidade foron algúns dos aspectos tratados nestas investigacións. En particular este primeiro número recolle estudos sobre a violencia de xénero no sistema escolar, o presente e futuro das mulleres na Universidade de Vigo, as intervencións feministas nas teorías dos nacionalismos no contexto da globalización, o malestar sociosanitario do coidador do maior dependente e as teorías feministas e literatura infantil e xuvenil.

Estudo e reflexión do papel da muller na sociedade
Co obxectivo de cohesionar a investigación destinada a potenciar a integración das mulleres nas diferentes esferas da actividade produtiva e social de Galicia xurde a Cátedra Caixanova de Estudos Feministas da Universidade de Vigo. Segundo Area, “a finalidade da cátedra é fomentar a investigación desde posturas feministas e garantir o desenvolvemento de estudos de xénero cunha perspectiva interdisciplinaria”. Neste senso, o vicerreitor salientaba o desenvolvemento de tres “grandes tipos de proxectos”: traballos de investigación, “que reflexionen sobre o papel da muller na sociedade”; a organización de cursos, seminarios, relatorios e conferencias e a formación de novos investigadores, “constituíndose desta maneira nun potencial elemento de creación de emprego”.

A profesora María Lameiras, unha das autoras do medio cento de estudos avalados pola Cátedra de Estudos Feministas, sinalaba o día de hoxe como “o momento cumio de toda unha bagaxe de traballo e esforzo”. En pleno século XXI, “o tema da igualdade aínda é unha materia pendente”, apuntaba Lameiras, “polo que teremos que seguir pondo toda a enerxía en acadar este obxectivo”. Precisamente, a través desta publicación dáse un paso adiante, “visualizando o noso traballo”, remarcaba a profesora. A posta en marcha destas accións “supón un traballo de concienciación importantísimo de todos os axentes sociais, sobre todo no marco laboral”, explicaba María Pereira, membro da comisión da cátedra por parte de Caixanova; “unhas accións fundamentais para un crecemento sostible da nosa sociedade, para acadar unha sociedade máis xusta e máis feliz”. Pereira destacou outras iniciativas dende Caixanova a prol da igualdade, como son o Proxecto Calíope e os programas Conta con elas e Arco ao abeiro do programa comunitario Equal.

Colaboración e cooperación
O aspecto de colaboración foi remarcado varias veces ao longo da presentación. “Un traballo colectivo, no que participaron moitas persoas”, así o definía o vicerreitor de Relacións Institucionais; “unha iniciativa onde hai implicadas diversas entidades, asociacións e corporacións”, subliñaba Pereira.

Tampouco faltou o recoñecemento ás autoras “polo esforzo de darlle un carácter divulgativo aos traballos que se desenvolven como investigacións, para que unha persoa de coñecementos medios poida chegar a entender o seu contido”, sinalaba Area, lembrando tamén o financiamento de desprazamentos a outras institucións de recoñecido prestixio, “a través de máis de 20 axudas para bolsas e estadías de investigación”.

Finalmente, e sen dúbida, quedou patente a boa relación da Universidade de Vigo e Caixanova, “un compromiso histórico que se vai afianzando ano tras ano”, comentaba Pereira. Ambas, “compartimos lugares” entre os que destacan as cátedras, dende a Filgueira Valverde do ano 1997 ata esta última.