Oficina CEER
 14-10-2009
Tecnópole coordina un proxecto europeo de innovación para mellorar a competitividade do sector das renovables na Eurorrexión

A alianza entre tres organizacións galegas e unha portuguesa permite a posta en marcha de ER-INNOVA, un proxecto europeo de innovación que acaba de iniciarse co obxectivo de mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas do sector das enerxías renovables da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).

Baixo o lema ‘A enerxía das TIC’, o proxecto materializarase nun programa piloto de implantación de ferramentas tecnolóxicas en aproximadamente un centenar de pemes, coa intención de estenderse a continuación a todo o sector das renovables e mesmo ser obxecto de transferencia a outros ámbitos de actividade, coas adaptacións necesarias.

Os socios do proxecto son Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que actúa como xefe de fila; a Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); a Fundación para ou Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través da súa Oficina de Programas Internacionais de I+D+i (OPIDi); e NET Novas Empresas e Tecnoloxías, S.A.-Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).

A iniciativa está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e desenvólvese ao amparo do Programa Operativo de Cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. O seu marco temporal é bianual (2009-2010) e conta cun financiamento total de 931.693,68 €, dos que o 75% procede dos FEDER.

O proxecto enmárcase no interese da Eurorrexión de realizar unha importante contribución ao obxectivo que a Unión Europea formulou na súa Directiva de 2009 de ‘Fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables”: que en 2020 o 20% do consumo enerxético de toda a UE proceda de fontes renovables.

Resposta a necesidades reais
A primeira fase do proxecto, que xa está en marcha, consiste en realizar o traballo de campo necesario para identificar as debilidades e catalogar as necesidades reais e específicas das pemes enerxéticas da Eurorrexión.

A análise realizada sobre a realidade económica da Eurorrexión para deseñar o proxecto reflicte que esta se caracteriza por un débil perfil innovador, o que leva consigo un lento aumento das taxas de emprego e, en consecuencia, unha inadecuación dos perfís laborais á chamada economía do coñecemento que á súa vez se traduce nunha menor competitividade o espazo rexional.

A partir desta análise conclúese que é necesario reforzar o tecido empresarial da Eurorrexión a través de iniciativas que fomenten a modernización das empresas e o establecemento de estruturas colaborativas entre todos os axentes involucrados na realización de proxectos de I+D+i.

Por outro lado, constatouse que un dos sectores con maior potencial para a xeración de valor engadido a medio prazo é o das enerxías renovables, que presenta unhas perspectivas alentadoras baseándose nunha maior concienciación social sobre o respecto ao medio ambiente, a necesidade de controlar e diminuír as emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, o encarecemento dos combustibles de orixe fósil e o marco de apoio institucional existente a través das políticas europeas, estatais e rexionais.

Non obstante, aínda dilucidando un futuro prometedor para o sector das enerxías renovables, é necesario promover actuacións que reforcen a competitividade das iniciativas empresariais que xorden en torno a el. No caso da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal isto deberá facerse centrando os esforzos na cooperación transfronteiriza e o impulso das actividades de I+D.

Por outra banda, o reducido tamaño da gran maioría das empresas do sector das enerxías renovables na Eurorrexión colócaas nunha situación vulnerable que dificulta a súa capacidade para competir. Dotalas das ferramentas necesarias para mellorar a súa xestión, modernizar os seus procesos e promover proxectos en colaboración con outras pemes é fundamental para lograr un tecido empresarial forte e con acceso a todas as oportunidades de financiamento público.

Neste sentido, considerouse que as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) son a arma máis efectiva ao servizo das empresas para potenciar a súa competitividade.

En definitiva, a unión de todos estes factores deu como resultado o deseño do proxecto ER-INNOVA.

Ferramentas de código aberto
Despois da fase inicial de consultas, e tomando como base os seus resultados, procederase ao deseño e desenvolvemento das ferramentas TIC, todas elas de código aberto.

O ámbito de actuación destas ferramentas será, en primeiro lugar, o da xestión interna, a través de aplicacións de escritorio para as empresas tales como sistemas de planificación de recursos empresariais (ERP) e de administración da relación cos clientes (CRM).

En segundo lugar, traballarase en ferramentas orientadas a fomentar a cooperación en I+D+i e a venda por internet. O resultado será unha plataforma web para a articulación de proxectos colaborativos na área da investigación, o desenvolvemento e a innovación e para impulsar as transaccións on-line entre os distintos axentes que operan no mercado das enerxías renovables, con especial incidencia na implantación da factura electrónica.

(Fonte: proxecto ER-INNOVA)