Oficina CEER
 22-10-2009
O CEER organizará a 1º Trofeo de Remo Interuniversitario da Eurorrexión

Tui acollerá no mes de maio de 2010 o I Trofeo Interuniversitario de Remo organizado por seis universidades galegas e portuguesas xunto á Fundación do Centro de Estudos Eurorexionais Galicia-Norte de Portugal, FCEER.

Nunha reunión celebrada onte no Concello de Tui avanzou na organización desta actividade que non quere ser só unha cita deportiva senón tamén un evento lúdico e festivo que reúna a toda a comunidade universitaria coma despedida do curso, a data fixada será o 22 de Maio do 2010. O obxectivo é que esta sexa unha primeira edición e que a cita se consolide logo no calendario anual.

Os representantes das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, xunto as portuguesas de Porto, Minho e Tras os Montes e Alto Douro reuníronse onte co Director do FCEER, a asesora da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Carmen Atero, e o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha.

Este I Trofeo Interuniversitario de Remo é un paso máis na colaboración que as seis universidades implicadas veñen mantendo dende o ano 2000, e segundo explicaban con este traballo conxunto tratan de establecer ponte humanas e de experiencias compartidas entre Galicia e o Norte de Portugal.

O Trofeo terá lugar a finais de maio de 2010 e contará coa participación dunha embarcación de oito con timonel de cada universidade formada por tripulación mixta. Haberá dúas regatas unha sobre a distancia de 500 metros e outra sobre 1000 metros. Pero máis aló da competición queren organizar outras actividades coma exhibicións de teatro, danza, exposicións,... que convertan esta cita en toda unha festa e un punto de reunión dos universitarios dun e doutro lado do Miño.

Logo da reunión de onte, onde quedou establecido o compromiso de realizar o Trofeo de Remo, os técnicos de deportes das universidade da Coruña, Santiago, Vigo, Porto, Alto Minho e Tras os Montes, levarán a cabo unha serie de reunións xunto a técnicos da Secretaría Xeral para o Deporte e do Concello de Tui para ir perfilando todos os detalles, de forma que este compromiso firme se concrete de aquí a finais de ano. Convidarán tamén a participar á Secretaría Xeral de Deportes do Goberno Portugés e poranse en contacto coas Federacións de Remo de Galicia, España e Portugal para fixar a data de xeito que non coincida con outra proba desta disciplina. Así o explicaba o Director do FCEER, Carlos Ferrás, quen sinalaba que un dos elementos definitorios desta competición será que os premiados desfrutarán dunha bolsa de estudo, fomentando desta maneira o esforzo,o traballo, a colaboración e o equipo, valores que as universidades, o Concello e a Xunta consideran prioritarios nun evento deportivo de tal magnitude.

A asesora da Secretaría Xeral para o Deportes Carmen Atero, destacou que esta é unha iniciativa estupenda dentro do deporte coma saúde. Indicou que estarán implicadas no evento as universidades das dúas beiras do Miño, sinalando que para lograr a implicación da comunidade universitaria este ten que ser un evento lúdico, festivo e participativo.

Mentres o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, congratulouse de que Tui vaia acoller un evento desta relevancia, brindando a colaboración do Concello no mesmo, pondo a dispor as instalacións que existen no municipio para o mesmo.

Ás seis universidades implicadas neste proxecto reúnen na actualidade a 140 mil alumnos e a 12 mil profesores e investigadores. Con este I Trofeo Interuniversitario emularán a tradicional regata de remo entre as universidades de Oxford e Cambridge pero neste caso con deportistas de seis universidades de dous países.