Oficina CEER
 26-10-2009
Unha investigadora da UDC descobre un texto inédito de Vicente Risco

A UDC comunica a descuberta dun texto inédito do escritor ourensán Vicente Risco levado a cabo pola profesora Olivia Rodríguez González, investigadora na Facultade de Filoloxía. Trátase dun texto histórico-descritivo, escrito en castelán e datado en 1944, que, desde unha concepción cristiá dos fundamentos de Occidente, arredor do centro simbólico que é Xerusalén para as tres relixións monoteístas, examina o significado da Palestina a través das vicisitudes da historia, e agoira posibles futuros para a supervivencia nesas datas cruciais da que Risco considera “Terra Santa” por antonomasia. A derrota alemá na 2ª Guerra Mundial xa se albiscaba daquela, e o autor propón unha saída diplomática para a pacificación dun territorio no que a España, segundo el, podía ter un papel importante.

Coetáneo da súa Historia de los judíos desde la destrucción del Templo, este ensaio inédito verá a luz proximamente nunha edición comentada por Olivia Rodríguez González, quen publicou dende 1981 numerosos estudos sobre o autor que foi obxecto da súa tese de doutoramento, como “Vicente Risco e La Puerta de Paja” (1999), Estética e teoría da cultura en Vicente Risco (2001), Vicente Risco, escritor, etnógrafo e ideólogo do galeguismo (2002) e “Castelao e Vicente Risco na Europa de Entreguerras” (no prelo).

Olivia Rodríguez González é profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada así como investigadora de Filoloxía na Universidade da Coruña, alén de ser membro do padroado de Vicente Risco.