Oficina CEER
 27-10-2009
A spin-off da UVIGO Sound of Numbers comercializa o primeiro software que fai o proxecto acústico dun edificio completo

SONarchitect é o primeiro software do mercado capaz de calcular o illamento dun edificio completo mediante os métodos expostos na familia de normas UNE 12354. Este produto é a principal aposta de SON, Sound of numbers, a spin-off xurdida do seo do grupo de investigación Sonitum, coordinado polos profesores Manuel Sobreira e Antonio Pena. Estes días a spin-off dáse a coñecer internacionalmente representando a España no congreso europeo máis importante sobre acústica, Euronoise 2009, xunto coa empresa Sonen, Centro de Acústica e Servizos de Telecomunicacións. Neste evento que ten lugar en Edimburgo estase a presentar a versión europea do programa SONarchitect.

Creada en decembro de 2008 despois de anos traballando no campo da enxeñaría acústica, SON tenta “aproveitar todo o background acumulado nestes anos”, explica Sobreira. Foi unha iniciativa dos propios investigadores, “ninguén nolo encargou e arriscamos nun momento duro, sobre todo para a construción, investimos tempo e cartos pero xeramos emprego” xa que a spin-off conta entre o seu persoal con egresados da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación. En total Sound of Numbers está composta por catro socios e dous traballadores “que non é pouco, sobre todo no momento actual no que é moi importante crear emprego; é unha aposta arriscada ao estar vinculada á construción”, pero este tamén é o momento de estar preparados e a entrada en vigor do novo Código Técnico da Edificación abría moitas posibilidades.

SONarchitect
SONarchitect é produto estrela que comercializa SON, un programa que fai o proxecto acústico dun edificio completo e permite a súa verificación integral dando resposta á crecente demanda de ferramentas software que dean cobertura aos profesionais do sector da construción na aplicación e xustificación do Documento Básico de Protección fronte ao Ruído DB-HR. SONarchitect, desenvolto en colaboración con Sonen, é unha aplicación capaz de efectuar automaticamente o cálculo de todos os recintos dun edificio e de xerar as fichas xustificativas necesarias para acreditar o cumprimento dos requisitos do CTE. “É o único programa dispoñible no mercado que faga isto a nivel mundial, hai programas que se achegan, pero non dan esta solución”, explica Sobreira. Aínda que o método de cálculo é libre e calquera empresa pode facer un programa semellante, a dificultade reside en atopar o xeito de facer a revisión completa do edificio, polo que outras ferramentas software deste tipo non puideron chegar a efectuar o cálculo en todo o edificio automaticamente.

No que se refire ao funcionamento de SONarchitect, o programa permite ver todos os recintos en 3D e comprobar si cumpren ou non o CTE. “Permite ver onde está o fallo, en que incumpre o código e onde, se é ruído dende as escaleiras, o ascensor, as fiestras, etc”. Segundo explica Sobreira, deste xeito, e aínda na fase de proxecto da edificación, “pódese modificar o que sexa necesario para corrixir os erros de modo que cumpra co CTE”. Ao contrario que as ferramentas existentes ata agora que obrigaban ao usuario a introducir as características xeométricas e acústicas de cada par de recintos, SONarchitect é capaz de traballar directamente co edificio completo e de percorrer todos os pares de recintos para verificar si as solucións construtivas escollidas verifican os estándares de calidade esixidos pola normativa vixente. Para realizar a análise, a ferramenta debe contar con todas as variables como os planos, materiais, andares, fiestras, portas ou usos das estancias, xa que existe unha diferenza no requirimento de insonorización segundo sexan salóns, dormitorios ou cociñas. Con todos estes datos, SONarchitec “saca o proxecto acústico e atopa que recintos dan o illamento mínimo en cuestión de segundos”. Paralelamente, outro dos servizos que ofrece a ferramenta é que, ademais de informar se o proxecto cumpre, di en que grao o fai e permite distinguir así un edificio pola súa calidade acústica. “Este é un argumento de calidade para a promotora e representa unha marxe de seguridade que permite ter vantaxe competitiva”.

Asesoría acústica
Nestes primeiros meses de andaina no mercado, SON aséntase sobre dous piares fundamentais, dúas vertentes do seu traballo. Por unha banda, SONarchitect e por outra, como complemento da súa oferta, a empresa ofrece servizos de asesoría acústica. “Non se trata de asesorar a particulares con problemas determinados con locais, senón que asesoramos ás propias asesorías que teñen un proxecto complicado e precisan dun soporte de métodos numérico, de cálculo de elementos finitos”, apunta Sobreira. Principalmente traballan para empresas fabricantes de materiais ou asesorías que estean intentando resolver problemas de vibracións, ruídos ou que necesiten un cálculo más elaborado.