Oficina CEER
 05-11-2009
As mellores iniciativas normalizadoras da comunidade universitaria teñen premio

O deseño dunha campaña normalizadora e dunha idea para a promoción do galego, son as dúas modalidades que premiará o galardón Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras. O premio, promovido polos servizos e áreas de normalización lingüística das universidades de A Coruña, Santiago e Vigo, alcanza a súa sexta edición co obxectivo de desenvolver iniciativas innovadoras relacionadas coa planificación e a normalización lingüística creadas por persoas e/ou grupos que pertencen ao ámbito universitario.

A convocatoria que pretende promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua dentro das súas institucións e na contorna na que se desenvolven as súas actividades, permanecerá aberta ata o 20 de novembro.

Dúas iniciativas a prol da normalización
A primeira das modalidades da convocatoria premiará unha campaña normalizadora que desenvolva unha iniciativa orixinal que teña o obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito universitario. Cuns destinatarios concretos a campaña debe determinar onde pretende actuar e cales son os seus obxectivos. Así a proposta a presentar deberá conter epígrafes referidos ao punto de partida onde figure a situación do galego no ámbito no que se centra; os obxectivo a acadar; a metodoloxía; as actividades a desenvolver; a planificación temporal da campaña; as persoas implicadas e a estimación orzamentaria para o desenvolvemento da iniciativa. A idea para promoción do galego que contempla a segunda das modalidades do premio, deberá razoar unha proposta cuxo obxectivo sexa o de fomentar o uso do galego no ámbito universitario. Neste caso os participantes deberán entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, obxectivos e incidencia social. En canto aos criterios que rexerán esta modalidade, destacan as posibilidades reais de ser pór en práctica, a coordinación entre distintos axentes dinamizadores, a multidisciplinariedade do proxecto e a novidade da iniciativa.

Tanto nunha modalidade como noutra establécese un único premio, de 3000 euros no caso do deseño dunha campaña normalizadora e de 1500 no da idea para a promoción do galego.

O xurado do premio está composto por persoal docente, técnico e directivo das universidades e dos seus servizos e áreas de normalización lingüística