Oficina CEER
 07-11-2009
O patrimonio cultural inmaterial en vivo regresa por segundo ano consecutivo a Ourense

Oleiros, poteiros, palilleiras, músicos, torneiros, zoqueiras e cesteiros, tomarán a partir do vindeiro 10 de novembro a Praza Maior para amosar o seus oficios a toda as persoas que se acheguen ata a terceira edición da Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial. Ata o 14 de novembro á noite, desenvolveranse 53 horas de programación cultural interactiva que este ano xirará en torno aos valores que transmite o patrimonio cultural inmaterial. Así, a reciclaxe, a comunidade, a utilidade e o contacto serán os eixes centrais da terceira edición da mostra que este ano incorpora como novidade ao seu programa o Curso de metodoloxía de traballo nas aulas co patrimonio cultural inmaterial.

Ao longo de tres días, do 10 ao 12 de novembro, o curso, validable por un crédito de libre elección para os estudantes da Universidade de Vigo afondará nas vertentes teórica e práctica do patrimonio cultural inmaterial, contando para iso coa participación de destacados relatores como a directora da Comisión Española da UNESCO, Consuelo Vázquez.

O patrimonio cultural inmaterial en directo
200 persoas amosaran durante cinco días na Praza Maior de Ourense unha parte significativa do amplo abano das expresións que conforman o patrimonio cultural inmaterial galego (PCI). Tomando como fío condutor os valores que transmite o PCI, a terceira edición da Mostra de Patrimonio Cultural Inmaterial que se desenvolverá por segundo ano consecutivo en Ourense, permitirá visibilizar e concienciar á sociedade sobre importancia de salvagardar e pór en valor a diversidade patrimonial inmaterial de Galicia. “É importante amosar o noso patrimonio”, afirmou o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, na presentación da Mostra que na pasada edición foi visitada por 15.000 persoas, “unha cifra que agardamos superar este ano”, apuntou Area. Unha expectativa á que sen dúbida contribuirá a participación das escolas aproveitando o feito de que a Mostra desenvólvese ao longo de varios días lectivos.

Xunto aos obradoiros, actuacións, concertos e exposicións permanentes encherán de actividade a Praza Maior na terceira edición da Mostra que Isabel Pérez, concelleira de Cultura do Concello de Ourense, destacou “é froito da colaboración entre administracións e entidades como o Concello de Ourense, o Proxecto Ronsel e a Asociación de Gaiteiros Galegos”.

Os valores do patrimonio cultural
Reciclaxe, comunidade, utilidade e contacto, son os valores do patrimonio cultural inmaterial arredor dos que este ano xirará a Mostra que contará na Praza Maior con casetas específicas que acollerán exposicións de xoguetes, de ferramentas e produtos farmacéuticos antigos, rodas de afiar e incluso contarán coa presenza dun compoñedor e dun naturópata.

Representacións todas elas do patrimonio cultural inmaterial sobre o que xefe territorial de Cultura e Turismo, Gerardo Pumar, asegurou “hai que defendelo, recuperalo e deixalo ás novas xeracións”. Pola súa banda en representación da Asociación de Gaiteiros Galegos, Pablo Carpintero, destacou o protagonismo que a música adquire dentro das representacións que se darán cita na Mostra no que se sucederán a partir das 20.00 concertos dos grupos Coanhadeira, Leilía, Os Carunchos, así como o Festival de Música Tradicional da Asociación de Gaiteiros Galegos.

O traballo nas aulas co PCI
A celebración dun curso de metodoloxía de traballo nas aulas co patrimonio cultural inmaterial, é unha das principais novidades do programa da Mostra que será inaugurada oficialmente o mércores día 11, xornada da celebración de San Martiño, patrón de Ourense e na que se desenvolverá a partir das 17.00 horas na Alameda o tradicional magosto declarado o pasado ano festa de interese turístico.

Validable por un crédito de libre elección para os estudantes da Universidade de Vigo, o curso terá una parte teórica que se desenvolverá os días 10 e 11 de novembro e unha práctica o día 12 no que os participantes realizarán un traballo con xente do Fogar do Maior de Ourense. Os relatorios serán os protagonistas da parte teórica na que expertos das universidades de Vigo e Santiago afondarán nos valores do patrimonio cultural inmaterial, a lei do patrimonio e as expresións da espiritualidade galega. Pola súa banda a directora da Comisión Española da UNESCO, Consuelo Vázquez, será a encargada de ofrecer un relatorio no que afondará na Convención da UNESCO. O curso que se pechará na súa parte teórica cunha mesa redonda, desenvolverase no Auditorio de Ourense.

Archivos asociados a esta noticia:
application/pdf: Programa de actividades