Oficina CEER
 10-11-2009
Educación e linguas en Galicia, a debate en Ciencias da Educación da USC

Analizar dende un punto de vista educativo o modelo lingüístico máis acaído para o ensino non universitario en Galicia no marco de discusión actual é o principal obxectivo das xornadas que os días 27 e 28 de novembro se desenvolverán na Facultade de Ciencias de Educación (Campus Sur) e para as que o prazo de inscrición remata o día 22.

Trátase de estimular os centros formadores de profesorado para melloraren a formación lingüística dos futuros docentes de xeito que se satisfagan as demandas do sistema educativo. Por iso as xornadas están destinadas principalmente ao alumnado e docentes das facultades de Ciencias de Educación e Filoloxía, e das escolas de Formación do Profesorado da USC e de Galicia, ademais do profesorado do sistema educativo galego non universitario.

A situación social da lingua galega, os modelos lingüísticos existentes para o ensino ou as estratexias para a planificación lingüística escolar serán algunhas das cuestións a tratar durante dos dous días do encontro, no que o secretario xeral de Política Lingüística intervirá para explicar o novo decreto sobre as linguas no sistema educativo non universitario. Ademais, representantes das organizacións políticas galegas participarán nunha mesa redonda sobre os principios para un modelo lingüístico consensuado e estable para Galicia.

Máis información en:
http://www.usc.es/snl/dinamiza/educacionelinguas.html