Oficina CEER
 17-11-2009
Idoia de Luxán, "a banda deseñada é un medio de lectura rápida, polo tanto un xeito moi directo de comunicar".

Idoia de Luxán Vázquez. Nada en Ourense o 14 de xuño de 1984. Debutou na ilustración deseñando a camisola da Casa da Xuventude de Ourense no 2002. En Barcelona cursou ata 3º de Artes Gráficas na Escola Joso. Titulouse en Gráfica Publicitaria pola Escola Massana, onde traballou coma bolseira. Traballou como deseñadora gráfica no Estudio Área Visual. Participou en edicións como Historias de Galicia, Seducidos pola filosofía, Irmandiños a revolta. Deseñou a icona do Libro Verde, mirror galego de Book Crossing. Colaborou na revista Renderan, edición 2009. Ven de presentar da man do CEER o comic Coñecía Darwin a serpe das sete cabezas?.

Cando comezaches no mundo da ilustración?
Pois sería dificil determinar un momento concreto. Na miña adolescencia comecei con ilustracións para cartaces, murais e graffitis. A miña primeira bd publicada foi a do primeiro tomo das Historias de Galiza, coa Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Como descubriche a túa vocación?
Dende o parvulario sempre tiven un lapis na man... En Ourense, na Casa da Xuventude puiden desenrolar os meus coñecementos na materia. Anos máis tarde, en Barcelona, na Escola Joso, aprendín moito da profesión, da man de profesionais como Ramón F. Bachs, os irmáns Losilla, Enric Rebollo... entre moitos outros artistas.

Como é o teu proceso de creación?
Supoño que igual que o do resto de ilustradores, entintadores, coloreadores... Comezo por analizar esquemáticamente o aspecto narrativo. Documéntome en todos os temas que preciso e a partires de ahí xa vou desenrolando, tanto para o guión como para o debuxo.

Eres metódica ou pola contra eres máis ben expontánea?
As dúas cousas. Nesta profesión é moi importante saber organizar cada fase de traballo pero tamén hai que saber aproveitar todas as transformacións improvisadas. Cando tés moi estudiado un traballo, a túa mente comeza a desenrolalo dun xeito ás veces automático.

Eres unha afecionada aos comics?
Dende cativa.

Cales son os teus referentes?
Moitos. Dave McKean, Neil Gaiman, Marjan Satrapi. Milo Manara, Frank Frazzeta, Daniel Clowes, Miguelanxo Prado, Mike Mignola, Frederik Peters, Zezelj, Frank Miller, Bill Sienkevitz, Frezzato, Shaun Tan... Moitos e moi variados. Continuamente descubres autores fascinantes.

Recomendanos algúns comics?
"Señal y Ruido" de Neil Gaiman e Dave Mckean. "Trazo de tiza" de Miguelanxo Prado, "Pollo con ciruelas" de Marjan Satrapi, Da saga Grendel tales, "Guerra de Clanes", de Darko Macan e Edvin Biukovic. "Píldoras azules" de Frederik Peters , "Emigrantes", de Shaun Tan, "Tamara Drewe" de Posy Simmonds...

Como ves o panorama do comic feito en Galicia?
Como que avanza a pasos axigantados. Hai moitos autores e moito nivel. Vexo que, tal vez hai un estilo predominante máis de cómic europeo que de comic-book. Sempre houbo bos autores por estas terras, é moi emocionante ver que hai unha cultura da bd que perdura e se segue a desenrolar.

Como ves a situación da muller como ilustradora?
Ben, sempre houbo moitas mulleres ilustradoras. Tal vez máis nos ámbitos da ilustración infantil ou a de moda. No mundo da bd vexo que hai moitas máis ilustradoras que hai uns anos, é moi interesante. Autoras como Marjan Satrapi, Wendling, Emma Ríos e Possy Simmonds, entre outras, deixan o listón moi arriba. Eu, personalmente, coñecín moitas mulleres ilustradoras e guionistas moi boas que agardo que vaian abrindo camiño á sua obra (Olalla Moreiras, Lorena Ros... ).

Que é o que máis che gusta da obra que ves de crear, Coñecía Darwin a serpe das sete cabezas?
Tal vez a caracterización de Mariña. Non sei. Disfrutei moito enfrentándome ao guión, aprendendo como traballa unha bióloga (a miña irmá Noela, bióloga tamén, axudoume moito neses temas). Tamén disfruto moito dándolle cor ás páxinas, gústame darlles un ton vívido aos escenarios, roupa... Para min cada viñeta é case coma unha instantánea.

Cres que é posible a divulgación da ciencia a través dun soporte como a banda desñada?
Si, creo que a banda deseñada é un medio creativo e un medio de comunicación ao tempo. Igual que o cine ou a narrativa en xeral, pode ser empregado para difundir calqueira tipo de temática. A banda deseñada é un medio de lectura rápida, polo tanto un xeito moi directo de comunicar información.

E por último, es unha rapaza nova que conta cunha traxectoria previa, que lle recomendarías a aqueles que comezan? Que non titubeen e que traballen duro. Ésta é unha profesión dura pero moi agradecida e satisfactoria. Diría tamén que non é preciso competir, que hai campo aberto para todos os estilos, gustos e tendencias. De feito, creo que a competitividade é incompatible coa creatividade, posto que provoca bloqueos en ambas partes.