Oficina CEER
 19-11-2009
O cómic como ferramenta para a divulgación científica

Charles Robert Darwin chegou ao mundo un 12 de febreiro de 1809, polo que este ano se celebra o bicentenario do seu nacemento. E este 24 de novembro cúmprense tamén 150 anos da publicación de A orixe das especies, unha obra que nos achega ao coñecemento do desenvolvemento e a diversificación da vida na Terra e o lugar que ocupa a Humanidade na natureza.

2009 é, xa que logo, o Ano Darwin. Para conmemoralo, e co obxectivo tamén de difundir a investigación do evolucionismo, o Centro de Estudos Eurorexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) vén de publicar o cómic Coñecía Darwin a serpe das sete cabezas?, un álbum de banda deseñada que pretende achegar a cultura científica á sociedade dun xeito ameno. A publicación presentouse hoxe no salón de actos da Facultade de Ciencias, no transcurso dun acto no que interviron Pedro Araújo, decano da facultade, Francisco García, coordinador do proxecto e técnico do CEER e Idoia de Luxán, ilustradora e guionista do libro.

Unha ponte entre as universidades da eurorrexión
A Fundación Centro de Estudos Eurorexionais Galicia-Norte de Portugal é unha entidade sen ánimo de lucro constituída polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, ademais de polas portuguesas Porto, Minho, Tras-Os-Montes e Alto Douro, e a Xunta de Galicia. Na súa intervención, Francisco García explicou que a finalidade da Fundación “é servir de ponte de comunicación entre as comunidades universitarias da eurorrexión”. Fomentar a divulgación da cultura científica no Noroeste Peninsular é un dos obxectivos fundamentais do CEER, e nesta liña enmárcase a publicación do cómic. Un álbum que, como apuntou o técnico do CEER, “pretende redundar na difusión da importancia da obra de Darwin na historia da humanidade, e colaborar na creación dun estado de opinión favorable á igualdade”.

O cómic: un novo soporte para a divulgación científica O contido de Coñecía Darwin a serpe das sete cabezas? apóiase en tres piares fundamentais: a evolución das especies, a divulgación da profesión científica e a posta en valor da figura da muller investigadora. A utilización do cómic nesta aposta pola divulgación científica responde ao interese dos seus promotores “de buscar un novo soporte máis atractivo para o público potencial ao que nos diriximos, que é aquel sector da poboación con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos”, segundo explica Francisco García. O técnico do CEER sinalou tamén que “a universidade é un centro de coñecemento ao servizo da sociedade”, pero fixo fincapé na necesidade de divulgar eses estudos á sociedade. “Nós agardamos conseguir este obxectivo utilizando un soporte ameno como é o cómic, que xunta imaxe e texto nun mesmo soporte, e que resulta fácil de ler. Tamén tentamos que nos seus contidos non se perda o rigor científico”, declarou. Nesta argumentación coincidiu tamén Idoia de Luxan, quen considera que a banda deseñada “é un medio creativo e un medio de comunicación ao tempo. Igual que o cine ou a narrativa en xeral, pode ser empregado para difundir calquera tipo de temática”. Para esta guionista e ilustradora, “a banda deseñada é un medio de lectura rápida, polo tanto un xeito moi directo de comunicar información”, sinala.

Do cómic editáronse tres mil exemplares que se van distribuír polas bibliotecas das universidades e centros de ensino. O libro tamén se pode descargar directamente da Internet, no enderezo www.fceer.org. E nun futuro próximo será traducido ao portugués.