Xornal da USC
 01-03-2010

As tres universidades galegas e as consellarías de Educación e Sanidade asinan un acordo de bases para a cooperación universitaria na docencia do grao en Medicina

Os reitores das tres universidades galegas asinaron coas consellarías de Educación e Sanidade un acordo de bases relativo á docencia do grao en Medicina que poderá ser extensible a outros graos de Ciencias da Saúde e en xeral a outras titulacións no marco do acordo das tres universidades.

O subscrito é un documento de bases que pretende establecer un marco de traballo que dea resposta á formación clínica dun número crecente de estudantes de Medicina. Trátase, segundo o reitor da USC, dun avance con respecto ao protocolo de maio de 2008 que concreta en maior detalle a figura de colaborador docente xa recollida neste protocolo. Será unha nova figura de ámbito autonómico, non vinculada contratactualmente ás universidades, en todo caso, baixo a coordinación docente da Facultade da USC e dos seus departamentos.

O decano da Facultade de Medicina e o vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica formarán parte da Comisión encargada de desenvolver o documento de bases subscrito.

Co acordo asinado será necesario desenvolver de inmediato a figura de profesor colaborador docente para os hospitais non concertados ou adscritos á USC. Aínda así, garántese a continuidade dos PACS da USC actualmente nestes hospitais, incluídos os das prazas obxecto de conflito neste curso académico.

Tras a sinatura do documento de bases “vén realmente o traballo de definición do marco de cooperación recollido no mesmo”, apunta o reitor, incluídos os convenios que as universidades da Coruña e Vigo terán que firmar coa USC para regular a súa colaboración na docencia na titulación de Medicina da Universidade compostelá.