Oficina CEER
 03-03-2010
O Parque Tecnolóxico de Galicia pide feedback ás súas empresas para a organización dun encontro bilateral con firmas do Norte de Portugal

Tecnópole abriu un proceso de consultas coas súas empresas para organizar un encontro bilateral con firmas do Norte de Portugal que responda ás súas demandas e necesidades reais de colaboración.

Este é o primeiro paso do Parque Tecnolóxico de Galicia para facer realidade o compromiso adquirido coa Cámara Hispano-Portuguesa de Comercio e Industria a raíz da visita que os seus representantes realizaron ao recinto o pasado mes de febreiro.

O principal obxectivo do encontro de traballo, que previsiblemente terá lugar durante o mes de abril, é promover o establecemento de lazos de cooperación empresarial no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa prioridade de responder ás demandas reais dos participantes. Por este motivo, tras coñecer o interese inicial das empresas de Tecnópole no encontro, a sociedade xestora contactará con todas elas para definir a axenda da xornada.

As empresas que manifestaron o seu interese en interaccionar co tecido produtivo innovador galego son as establecidas en Avepark e Tecmaia e as asociadas á Cámara Hispano-Portuguesa.

(Fonte: Tecnópole)