Oficina CEER
 11-03-2010
A Fundación CEER amplia o seu prazo de presentación de candidaturas á súa oferta para unha praza de persoal técnico da Oficina Antena CEER da Universidade de Santiago de Compostela

A Fundación CEER anuncia a oferta dunha praza vacante de persoal técnico, a media xornada, para a Oficina Antena da Universidade de Santiago de Compostela.

As tarefas a desenvolver serán as de xestión diaria das actividades da Fundación, correspondentes á Universidade de Santiago de Compostela. Elaboración e seguimento de proxectos de Innovación. Creación e xestión de contidos dixitais da páxina web e dinamización de redes sociais virtuais. Desenvolvemento de proxectos para candidaturas de convocatorias europeas, estatais e rexionais. Colaboración na creación dun programa específico de formación, investigación e intercambio científico, nunha rede CEER das seis universidades públicas da Eurorrexión, co fin de articular novas canles de comunicación, colaboracións e coordinacións.

O perfil das persoas candidatas corresponde á de titulados universitarios, con habilidades creativas, innovadoras e de comunicación; con coñecementos para a aplicación de Tics, xestión de contidos dixitais e experiencia na xestión telemática da información; así como boa disposición para o traballo en equipo. Valorarase dispor dunha titulación de posgrao; coñecementos de idiomas galego, portugués e inglés; dispor de experiencia na xestión de proxectos de I+D+I e formación e/ou experiencia na xestión de programas internacionais.

O horario establecido será de catro horas diarias, de luns a venres, en xornada de mañá.O salario bruto mensual será de 841,88 euros.

As persoas interesadas en presentar a súa candidatura deben enviar o seu Currículum vitae (C.V.) e documentación xustificante da formación e experiencia profesional indicada ( diplomas, certificados..), ao seguinte enderezo:

Att. Prof. Carlos Ferrás Sexto,
Director Fundación CEER
Oficina CEER
Colexio San Xerome, Praza do Obradoiro, s/n,
15782, Santiago de Compostela. A Coruña

O prazo de presentación das candidaturas permanecerá aberto ate o vindeiro día 17 de marzo. A resolución desta oferta laboral será publicada antes do día 22 de marzo de 2010. A data prevista para o inicio da actividade laboral é a do vindeiro 24 de marzo de 2010. A duración deste contrato será de 9 meses.