Oficina CEER
 16-03-2010
Novo Máster en Patrimonio Cultural: A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A Universidade da Coruña está a impulsar un Máster en Patrimonio Cultural: A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este novo máster nace co obxectivo de afondar na realidade patrimonial e cultural deste espazo xeográfico transfronteirizo. O plan de estudios proporcionaralle ao alumnado, en primeiro termo, capacidades para coñecer e estudar a herdanza cultural nos seus aspectos xenéricos (arqueoloxía, historia, arte, literatura, lingua, etc); en segundo termo, ofrecerlle coñecementos instrumentais de xestión (lexislación, mercadotecnia, novas tecnoloxías, etc); e, finalmente, facilitarlle fundamentos metodolóxicos e críticos que lle permitan acceder ao exercicio da actividade investigadora cunha formación avanzada, de carácter especializado e interdisciplinar, indispensable para estudar e interpretar os recursos patrimoniais da eurorrexión.

En definitiva, o mestrado pretende formar especialistas que contribúan ao desenvolvemento sociocultural e económico da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante a realización de proxectos novos, que sirvan para por en valor un patrimonio cultural común entendido como recurso xerador de riqueza no marco das rexións.

O proxecto de creación do Máster en Patrimonio Cultural: A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, é un proxecto totalmente aberto, e convida á comunidade universitaria a enviar a valoración do seu programa, a tódolos seus membros. Para consultar máis información e enviar as valoración, a Universidade da Coruña, dispón do seguinte enderezo electrónico: http://www.udc.es/humanidades; (en novos másters).

Actualmente, o Máster en Patrimonio Cultural atópase en proceso de revisión pola ANECA (Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación).