O Secretariado Común de Xestión da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) reuniuse o paso día 9 de febreiro en Vila Real, Portugal, para tratar a coordinación do desenvolvemento do proxecto europeo Campus en Rede. Este proxecto encádrase no marco do programa Interreg III financiado pola Unión Europea.
O evento celebrouse na cidade portuguesa de Vila Real e tivo como anfitrión ó vicerreitor de Investigación e Cooperación da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, Eduardo Augusto dos Santos Rosa, contando coa presenza do director e do secretario xeral do CEER, os profesores Carlos Ferrás Sexto e Miguel Sopas de Melo Bandeira, respectivamente, o prorreitor da Universidade de Porto, Manuel Antonio Araújo da Silva Janeira, os vicerreitores, Leandro da Silva Almeida da Universidade de Minho, Ana Dorotea Tarrio Tobar da Universidade da Coruña, o director do Comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade de Vigo, o profesor José Manuel García Vázquez, e a técnica antena do CEER na Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, Lilia Macierinha.
Os puntos a acordar nesta reunión foron a ratificación das decisións recollidas na acta da reunión anterior do Secretariado Común de Xestión do CEER, xunto coa avaliación de tódalas actividades que se están a desendevolver no transcurso do proxecto Campus en Rede, no que se inclúe a organización e celebración do curso de formación “Integración e Desenvolvemento Eurorrexional”. Este curso caracterízase polo seu perfil transfronteirizo e polo seu alto compoñente práctico, formado por seis módulos de 20 créditos (10 de docencia teórica, 6 de docencia práctica e 4 dunha memoria titorizada), cada un impartido nunha das seis universidades do CEER.
Outra das cuestións a tratar na citada reunión, foi a convocatorias Axudas Estudios Estratéxicos-Redes e Sesións Científicas. Estas axudas foron creadas co obxecto de fomentar a organización de sesións científicas que versen sobre temáticas relacionadas co desenvolvemento económico, social, territorial e cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Todas as actividades seleccionadas, encádranse dentro de dúas liñas temáticas, Desenvolvemento urbanos, rural e turístico ou Novas tecnoloxías e sociedade da información, e inclúe a organización de foros, seminarios científicos, seminarios de especialistas ou demais eventos científicos, xornadas, ponencias, congresos ou coloquios.
O Museo Virtual Universitario do CEER, é outra das actividades nas que se está a traballar entre as oficinas do CEER e os seus colaboradores. A finalidade da creación deste museo é permitir ós investigadores e á comunidade universitaria en xeral acceder á información científica dispoñible nos museos da Eurorexión mediante un Portal Web que disporá dun sistema multimedia avanzado (buscador, imaxes, vídeos, son dixital, animacións, 3D, Realidade Virtual, ...). Nos vindeiros meses ultimaranse ás últimas aplicación que permitirán o acceso universal ós seus servizos.
O Secretariado Común de Xetsión tamén avaliou moi positivamente a creación da nova revista científica “Estudos Eurorrexionais”, na que participan todas as entidades universitarias públicas de Galicia e o norte de Portugal. Esta revista, de carácter estritamente científico dará acubillo á publicación de artigos científicos de interés xeral, facendo fincapé na divulgación dos coñecementos científicos xerados no entorno das seis universidades da eurorrexión.
Por último, entre máis asuntos, como a consolidación da rede de oficinas antena do CEER entre as seis universidade públicas da eurorrexión e a planificación de futuras actividades, outra das cuestións máis relevantes tratadas en Vila Real, foi a presentación da nova Web do CEER. O obxectivo desta Web é convertirse nun instrumento de comunicación común que permita xestionar servizos telématicos avanzados dirixidos a unha comunidade universitaria conformada por 160.000 estudantes e 10.000 profesores. A páxina ofrece un sistema de xestión da información e do coñecemento a partir dun xornal e axenda electrónica especializada no eido universitario; un centro de documentación; a revista científica Estudios Eurorrexionais; un avanzado sistema de formación on line; o Museo Universitario Virtual con acceso universal ao acerbo académico científico universitario sobre historia natural e patrimonio cultural das seis universidades públicas galegas e do norte de portugués; ou unha potente base de datos especializada na localización e potenciación dos grupos de investigación interuniversitarios, entre outras posibilidades.