Oficina CEER
 12-04-2010
CLUB DE LECTURA EN GALEGO na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés

Club de Lectura en Galego coordinado polo escritor Francisco Fernández Naval

Datas: todos os xoves, de 19 a 20:30 h. Destinatarios: Lectores adultos. Persoas amantes da lectura, xa sexan lectores/as habituais en galego xa sexan non habituados/as a ler nesta lingua.

Autores: O xénero a tratar polo condutor do Club será a narrativa. Conxugaranse autores galegos clásicos e contemporáneos, homes e mulleres de idades diferentes, para poder ter unha mellor visión do panorama actual da narrativa galega. Comezaremos lendo “Se o vello Simbad volvese ás illas” de Álvaro Cunqueiro.

Desenvolvemento: Lidos os libros na casa, as persoas que forman o club comentarán as súas impresións, discutíndose aspectos, literarios ou non, relacionados coa obra e co autor ou autora, favorecendo o diálogo e a convivencia e unha mellor comprensión da obra.

Inscricións:na Sala de Consulta da Biblioteca ou no teléfono 981-170218 de 8:30-15 h

Francisco X. Fernández Naval naceu en Ourense. Funcionario dende os 18 anos, houbo un momento no que tomou unha decisión, a literatura, “e iniciei o regreso a un lugar que nunca abandonara”.
Aínda que empezou escribindo poemas e pezas teatrais, foi na narrativa onde atopou o mellor lugar para expresar aquilo que quería comunicar. Porén, nunca deixou de escribir versos. “Ler e escribir poesía é unha necesidade, a certeza de que só ela nos aproxima á intuición do misterio no que nos movemos, do misterio co que cada un convive”.
Ten escrito poesía, novela, relatos, literatura infantil, literatura xuvenil, guías e literatura de viaxes. , con títulos como: A fonte abagañada, A soidade era o frío, Alma de beiramar, Berra liberdade, Días de cera, Historias roubadas, Lendas de onte, soños de mañá, Mar de Lira, Miño, Narradio, 56 historias no ar, Narradores de cine, No corazón da fraga, O bosque das antas, O mundo da pesca na literatura galega, Oira, Para seguir bailando, Respirar polo idioma, Sete noites e un amancer, Sombras no labirinto, Tempo de Crepúsculo, Unha cita co aire, Volverlles a palabra: homenaxe aos represaliados do franquismo, etc.