Oficina CEER
 15-04-2010
GALICIA FORMULA UN ‘LOBBY’ CON PORTUGAL PARA OBTER AXUDAS EUROPEAS MÁIS ALÁ DE 2014.

A Xunta non renuncia ao obxectivo de que Galicia siga recibindo fondos europeos máis alá do ano 2014. A partir dese momento, a comunidade deixará de ser rexión obxectivo 1 para Bruxelas, algo que, na práctica, suporá que se peche a billa das axudas comunitarias da que Galicia se estivo a nutrir durante anos.

Só no período 2007-2013, o último durante o que a comunidade terá garantidos fondos europeos, Bruxelas asignou a Galicia 5330 millóns de euros, 3,5 veces máis que a cantidade dedicada a investimentos nos presupostos galegos de 2010. Para evitar perder de golpe esa importante fonte de ingresos e seguir entrando na repartición dos fondos comunitarios, a Xunta deseñou unha nova estratexia na que pretende implicar os seus veciños portugueses.

O Goberno galego quere potenciar a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal ata convertela nunha canle para obter financiamento comunitario. Así llo trasladou a semana pasada o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, ao director de Política Rexional da CE, José Palma Andrés, e á presidenta da Comisión de Desenvolvemento Rexional de Estrasburgo, Danuta Hubner, cos que se reuniu en Bruxelas.

Tras recordar que no novo escenario presupostario da UE Galicia terá que reorientar a súa estratexia para captar fondos europeos, Rueda apostou pola AECT para conseguir financiamento comunitario para proxectos relacionados co transporte ou a coxestión de servizos de ámbito transfronteirizo.

A experiencia “pioneira” nesta materia de Galicia e o Norte de Portugal, ao impulsar a primeira agrupación de cooperación territorial de toda a UE, debería darlles unha “vantaxe competitiva”, argumentou o conselleiro, á hora de acceder aos novos fondos comunitarios. Roda considerou que, xuntas, ambas as dúas rexións terían máis probabilidades de obter cofinanciamento para equipamentos e servizos que formulen de forma conxunta, citando como exemplo centros sanitarios transfronteirizos, programas de aproveitamento enerxético de residuos ou equipos interrexionais de protección civil ou antiincendios.

Esta non será a única baza que xogará a Xunta para asegurarse de que non queda fóra da nova repartición dos fondos europeos. Hai xa varios meses o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou contactos con outras rexións europeas nunha situación similar á de Galicia para formar unha alianza e premer a UE para conseguir unha “aterraxe suave” a partir de 2014.

A este lobby liderado pola comunidade galega sumáronse polo momento outras 16 rexións de países como Alemaña, Polonia ou Reino Unido. O seu obxectivo común é conseguir que Bruxelas acepte fixar unha fase de transición e reducir progresivamente as axudas ao concluír o actual período presupostario en lugar de pechar de golpe a billa dos fondos de cohesión, unha partida reservada para axudar ás rexións máis pobres de Europa a converxer economicamente coa media comunitaria.

Fonte: Faro de Vigo.