Oficina CEER
 19-04-2010
A FUNDACIÓN FÉLIX RODRÍGUEZ DE LA FUENTE HABILITA UNHA WEB PARA ACHEGARNOS AO MUNDO RURAL.

Fundación Félix Rodríguez de la Fuente, con motivo do 30 aniversario da morte do conservacionista español, vén de anunciar un importante redeseño na plataforma web Converxencia Rural Natureza (RuNa) co obxectivo de achegar un espazo de encontro e información “máis práctico, actual e útil para todos os axentes implicados nos eidos do desenvolvemento non urbano e a preservación da natureza”. Asemade, o que se pretende é aproximar na medida do posible o mundo rural á cidadanía, traballando precisamente na mellora da calidade de vida das persoas que viven nas cidades a través destas canles directas ao medio ambiente. A plataforma RuNa, que naceu en 2008 para fomentar o uso das novas tecnoloxías nos sectores medioambientais, está baseada no sistema 2.0 de rede social que move á participación directa dos internautas.

O seu alicerce é o sistema de xestión de contidos Drupal, ferramenta de software libre que posibilita a publicación de artigos, imaxes ou outros arquivos e servizos engadidos (canles, enquisas, blogs, etc). As novidades do novo redeseño diríxense como dixemos a fomentar cos contidos de carácter rural e natural entre a poboación, e resúmense no seguinte: melloras na disposición da información, reforzamento dos contidos de actualidade e pulo ao valor audiovisual da información.