Oficina CEER
 20-04-2010
A REALIDADE POLÍTICA DO SALVADOR CHEGA A OURENSE DA MAN DA MITEU

Coa representación da obra "El secreto más terrible", dirixida por René Lovo.

Tamén se proxectará o documental “La vida loca” sobre as maras salvadoreñas.

“Unha reflexión sobre a necesidade de facer xustiza ou, polo menos, de recoñecer a verdade, de perder o medo, de confesar e de aceptar quen somos e de onde vimos”. Así define o actor e dramaturgo salvadoreño René Lovo a obra El secreto más terrible, que se representa este martes no Teatro Principal da cidade co gallo da celebración da 15ª Mostra Internacional de Teatro Universitario, MITEU. Trátase dun monólogo escrito polo propio René Lovo a partires dun texto arxentino de Eduardo Pavlovsky titulado Potestad e que afonda nunha das consecuencias máis terribles que pode traer consigo o enfrontamento bélico e a ditadura militar: o rapto dos nenos. Explica René Lovo que a estes pequenos que foron vítimas dunha realidade tan cruel “nunca se lles contou a verdade e medraron sen chegar a coñecer nunca o seu pasado” de aí que o monólogo que presenta en escena queira ser “unha denuncia moi forte e decidida que ten por obxectivo desenmascarar o segredo oculto que vivimos os latinoamericanos como consecuencia de anos de ditadura”, explica.

A escena con só unha cadeira e unha maleta.
El secreto más terrible é un monólogo no que René Lovo conta como dous individuos chegaron un día á súa casa e raptaron á súa única filla. Pouco a pouco, sen embargo, o espectador poderá descubrir que non todo é o que parece e que a verdade agocha máis sorpresas que as que se anunciaban ao comezo da función. A peza dura 55 minutos nos que todo o peso recae no actor Lovo, que tentará capturar e manter a atención do espectador sen máis axuda que unha cadeira, unha maleta e un forte traballo físico e emocional. Segundo as súas palabras “decidín facer o espectáculo só co corpo e coa voz. Para iso ao longo do monólogo tentei crear unha partitura física que se vaia instalando, que adquira o seu propio nivel de autonomía para conseguir que a función se manteña en pé e capture a atención do público”. Polo que respecta á realidade do mundo do teatro no Salvador, René Lovo explica que empeza a haber agora un movemento cultural a prol do mundo da escena cuns 12 grupos traballando a reo en novos espectáculos e creando e dirixindo as súas propias montaxes. O dramaturgo non oculta o seu optimismo xa que un dos proxectos do novo goberno do país é abrir unha escola de artes, unha iniciativa que contribuiría a relanzar o sector teatral. É a segunda vez que Lovo visita Ourense invitado pola MITEU; o dramaturgo subliña da mostra “a posibilidade que amosa ao espectador de ver un tipo de teatro que non se atopa na carteleira común” e asegura percibir en Ourense “un forte aprecio polo teatro que forma xa parte da vida dos cidadáns.

Documental sobre as maras salvadoreñas.
A MITEU ofrece tamén a posibilidade de coñecer outra cara do Salvador, a das maras salvadoreñas, coa proxección este luns no Auditorio do documental La vida loca, dirixido por Christian Poveda. O filme conta a historia do propio Poveda que foi quen de se infiltrar durante un ano e medio nun destes grupos xuvenís que se enfrontan entre si con gran violencia, que están integrados por mozos tatuados da cabeza aos pés e que se dedican principalmente á extorsión, ao roubo e ao tráfico de drogas. Cabe subliñar que o cineasta Poveda foi asasinado a tiros hai só uns meses no Salvador.