Oficina CEER
 21-04-2010
LUGO ACOLLERÁ UN LABORATORIO PARA A TERCEIRA IDADE E A SÚA INCLUSIÓN DIXITAL

Coincidindo co desenvolvemento do traballo da UPF dirixido a certificar que a terceira idade non lle ten medo ás redes (sempre que haxa ferramentas doadas e útiles), a Deputación de Lugo preparou as bases para a posta en marcha dun centro de I+D que favoreza (entre outras cousas) o achegamento ás novas canles destes e outros colectivos en risco de exclusión social. Así o fixo saber hai uns cantos días o órgano provincial, que segundo conta La Voz contará para esta tarefa en concreto coa axuda orzamentaria do Plan Avanza e da Fundación TIC, emprazamento próximo ao Hospital Provincial que dará acubillo á iniciativa. Co nome de Centro de Innovación Social, o espazo investigador comezará a súa andaina o vindeiro ano, sendo probablemente o primeiro que opera na nosa terra das súas características: seguindo o modelo dos chamados living-labs, escenarios activos de I+D na liña do Citilab Cornellá, precisamente un dos principais puntos de referencia do proxecto.

O centro de Lugo acollerá a medio centenar de investigadores e arredor de cen persoas con risco de exclusión social. Un dos principais puntos de partida do seu labor será o aproveitamento da infraestrutura e da experiencia da Fundación TIC no vieiro de favorecer a plena participación cidadá das/os beneficiarias/os a través das redes. Para a Deputación, non se vai tratar dun centro social máis, senón “dun laboratorio de I+D que dende o punto de vista das persoas axudará a evitar que as novas tecnoloxías creen unha nova fenda social entre quen as emprega e quen non”. Os responsables directos do proxecto prevén importantes logros a través desta iniciativa, inmateriais e materiais (como por exemplo deseño de programas de aplicacións informáticas ligadas ás persoas con máis risco de ficar atrás na Sociedade do Coñecemento).

Fonte: http://www.codigocero.com