Oficina CEER
 23-04-2010
"A REDUCIÓN DE EMISIÓNS É UN BEN PÚBLICO, COMO O É O ALUMEADO A ESCALA LOCAL"

Paulina Beato, conselleira de Repsol YPF, na inauguración do ciclo Universium.

Co pesimismo de Copenhague de fondo, criticou a dificultade de establecer acordos a 177 bandas.

Paulina Beato, experta enerxética con longa presenza en Estados Unidos e Latinoamérica, expresidenta da Rede Eléctrica de España, colaboradora habitual do Fondo Monetario Internacional e, na actualidade, conselleira de Repsol YPF foi a encargada de abrir a 7ª edición de Universium, un ciclo que pretende provocar “o debate, o pensamento e a reflexión”, tal como subliñou na súa inauguración a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza.
Presentada polo profesor Xavier Labandeira, coordinador do ciclo xunto ao profesor e vicerreitor José Cidrás, Paulina Beato puxo ao día aos asistentes nas políticas europeas de cambio climático tras os acordos de Copenhague e expuxo a súa postura acerca dos obxectivos de redución de emisións que centraron as duras negociacións que se produciron en Dinamarca.
A pesar do pesimismo, Beato expuxo como en Copenhague se deu un paso importante, “agora a materia pendente é lograr compromisos fortes de todos os países, aínda que o haxa que facer pouco a pouco e sen obxectivos ambiciosos”, expuxo. Segundo esta experta, a redución de emisións “é un ben público, como o é o alumeado a escala local” e a poboación de todo o mundo do futuro beneficiarase dela independentemente da contribución que fagan os seus respectivos países. “Lograr un acordo global é un proceso longo e Europa sabe moito deste tipo de procesos”, indicou Beato, quen non puido evitar criticar o feito de que a negociación teña que levarse a cabo a 177 bandas, “o que, sen dúbida, complica moito o proceso”.

Necesidade de incentivar o esforzo tecnolóxico.
Como ben público, o mercado non serve para lograr reducir as emisións, polo que habería que recorrer a outro tipo de organismo distinto do “puro mercado”, asegurou Beato, quen tamén incidiu en que este mecanismo ou os acordos aos que se chegue no futuro deberían ser eficientes, a redución débese conseguir ao mínimo custe; equitativo, para que todos os países o acepten; flexible, para que permita a súa revisión cando se produzan cambios no entorno, e esixible, é dicir, que se poida obrigar ao seu cumprimento. Na práctica Beato subliñou a importancia de acadar tecnoloxías limpas a baixo custe, pero para isto é necesario “que se incentive o esforzo tecnolóxico e que se vexa recompensado... ata agora fíxose demasiado esforzo na medición e pouco na transferencia tecnolóxica”. A redución das emisións, ao seu xuízo, só se vai conseguir aumentando o prezo das enerxías contaminantes, tanto para reducir a súa demanda como para promover o desenvolvemento de enerxías máis limpas. “Se o mercado non é capaz de xerar tales aumentos, quizais como consecuencia da caída da demanda provocada pola crise, haberá que recorrer a outras opcións”, entre estas Beato citou a posibilidade de retirar dereitos de emisión do mercado para evitar que saia máis barato seguir contaminando que reducir as emisións.

Favorable a unha reforma fiscal verde.
O público encheu a sala 1 do Edificio Miralles. Estudantes, profesores e mesmo o reitor Alberto Gago, estableceron un fluído diálogo coa experta que non dubidou en responder as dúbidas dos asistentes. Entre os temas que se lle formularon destacou a posibilidade de pór en marcha unha reforma fiscal verde, algo ao que Beato se manifestou proclive “xa que é unha boa forma de obter ingresos fiscais, reducir as emisións e ir cambiando a percepción que temos do sistema de transporte”. As políticas de eficiencia enerxética, a situación en Latinoamérica, a posición das petroleiras ou a produción de electricidade en Europa, foron outras cuestións que tamén se trataron na quenda de preguntas. O debate continuará este venres, nesta ocasión da man da exministra, ex vicepresidenta primeira e xefa do Servizo Xurídico do Banco Mundial, Ana Palacio, que impartirá o relatorio Por un novo clima para a política enerxética.

Mª del Carmen Cabeza destaca o papel de Universium como nexo coa sociedade.
O ciclo Universium é un clásico na programación cultural da Universidade, “representa a vocación que temos de non pecharnos nun modelo de universidade autocomplacente e ensimesmada”, subliñou a vicerreitora na inauguración do ciclo, ao que engadiu que “a Universidade de Vigo aposta fortemente por este compromiso, por esta viaxe de ida e volta entre o que acontece na rúa, o que se discute nas charlas e nos foros dos medios de comunicación e, por outra banda, o que se fai nos campus”. Neste senso destacou como Universium naceu co obxectivo de ser un instrumento de análise das singularidades da sociedade contemporánea, das tendencias ideolóxicas emerxentes, dos factores do cambio social e político “que nos afectan nunha dimensión global e que teñen repercusión no día a día”. Pendentes do que a sociedade demanda, especialmente naqueles temas que van repercutir na vida dos cidadáns e cidadás, salientou a vicerreitora, “este curso centrarémonos en enerxía e cambio climático”.

Fonte: http://duvi.uvigo.es